SIRO
López Lorenzo, Siro
( Ferrol, 19 de enero de 1943 )
Biografía
Dotado para o debuxo, inquedo, agudo, irónico, derivaría cara a unha caricatura política e social, na que conseguiu xusta fama e coa que colabora a cotío na prensa de Galicia. A súa personalidade multifacética, e non só como plástico, levouno a iniciarse cuns relatos titulados 2O entullo”, que publicou na prestixiosa revista “Grial”, en 1978. Previamente dérase a coñecer como debuxante, a partir de 1970, na desaparecida revista “Chan”, que dirixía o periodista “Borobó”. Posteriormente, os seus debuxos apareceron en Ferrol Diario, El Ideal Gallego, La Región, El Norte de Galicia, La Voz de Galicia, onde continúan diariamente, Teima, Encrucillada, Outeiro, Arte Galicia, e Can sen dono. Moitos dos seus traballos, de carácter monográfico, recolléronse en diversos álbumes, como os titulados “Humor 71", “Probes homes” , “Os pecados capitais”, a formato maior, “Homes e mulleres”, “Coas raíces na terra”, “Historia gráfica de dous anos”, “Debuxos de humor”, en colaboración con Xaquín Marín. “In saecula saeculorum amen”, “Cofrades do Cristo da Autonomía” e “Xente na brétema”, en torno a eles escribiron textos sinaturas prestixiosas de Galicia como Xavier Alcalá, Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Torres Queiruga, Xosé Chao Rego, Carlos Casares, García Bayón, Carballo Calero, etc. Un máis dos seus álbumes, o titulado “18 espidos de muller”, publicado en 1983, prologouno Basilio Losada, e o titulado “Debuxos” concitou a escritores como algúns dos citados e a Fernán-Vello, González Garcés, Vicente Araguas e Marino Dónega. A tarefa de ensaísta é en Siro complementaria da de debuxante e, en certo modo, inseparable dela, xa que estudiou a figuras como Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Rafael Dieste, Blanco Amor e Luis Seoane. Tamén é autor de literatura creativa, no xénero do conto e o relato, e xa realizou guións para a Televisión de Galicia, así como para a radio. A súa tarefa mereceu premios como o segundo no Concurso Nacional de Humoristas Gráficos en 1980; o Merlín, en 1982; o Internacional Vieira do Humor Gráfico, en 1986, e o Fernández Latorre de periodismo. Ilustrou libros de Xavier Alcalá, Carlos Durán, Helena Villar, Rábade Paredes, Neira Vilas e Vicente Araguas. As súas exposicións persoais son xa múltiples, sempre acompañadas do éxito. Figura en coleccións institucionais e particulares. Siro, pois bástalle o seu nome de pila para ser coñecido e popular, non é un só debuxante, senón varios, nos seus diferentes estilos, desde o barroco e minucioso dos seus pecados capitais, no que asume a influencia de nomes famosos que van de Aubrey Beardsley a Delvaux, ata o dos seus denudos femininos, nos que o trazo da pluma é libre, seguro, longo, propio dun artista consumado e dun gran coñecedor da anatomía humana. Con frecuencia é deliberadamente picassiano, no seu expresionismo poscubista, que lle achega a abstracción irónica. Con idéntico trazo solto e nervioso consegue retratos espléndidos do xesto e parecido, un pouco ó modo que iniciou en Galicia Carlos Maside e, en certo modo, cultivou tamén Álvaro Cebreiro. É excelente caricaturista persoal, estilizado e ás veces de primor minucioso no detalle, con ironía que bordea o mordaz sen chegar ó cáustico, xa que, no fondo, para Siro, como desexaba o escritor Wenceslao Fernández Flórez, o humor debe posuír grandes doses de tenrura. Con frecuencia colorea os seus traballos, xa que, en verdade, en Siro latexa e de seguro hai un pintor que algún día nos amosará a súa obra eminentemente cromática. Adoita exemplificar na caricatura política cunha fauna humanizada, ó modo do fabulario clásico que vai de Esopo a Samaniego e Iriarte. En definitiva, moito máis cá viñeta da actualidade e de vida efémera, o traballo deste artista da pluma é trascendente e plenamente creador, perdurable.
Bibliografía
-Álbumes citados, con prólogos e textos explicativos. Siro. 1969-1989. Debuxos. Exposición Kiosko Alfonso. A Coruña, 1989. -XI Bienal de Caricatura. Deputación provincial. Ourense, 1994.