GUILLERMO PEDROSA
Fernández Pedrosa, Guillermo
( Vilagarcía de Arousa, 1958 )
Biografía
Mostra unha temperá facilidade para o debuxo e un interese artístico que lle levarán a formarse de maneira autodidacta en distintos museos de todo o mundo para coñecer en persoa a arte contemporánea; con catorce anos comeza a pintar e dous anos máis tarde xa visita o Museo del Prado −pinacoteca clave na súa formación artística−. Cando conta con tan só dezasete anos realiza a súa primeira mostra individual no Casino de Vilagarcía de Arousa. Desde entón, realizou numerosas exposicións individuais en galerías e relevantes espazos da xeografía galega e Madrid, e participou en mostras colectivas, bienais, feiras de arte contemporánea e certames en diversas cidades galegas, Madrid, Barcelona, León, Córdoba ou Málaga, así como a nivel internacional en Arxentina ou Portugal. Finalista no XIV Certame de Pintura Concello de Cambre (A Coruña, 1997), a súa obra figura en coleccións galegas e españolas como a da Fundación Casa Museo a Solaina de Piloño (Vila de Cruces, Pontevedra), Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa (Lalín, Pontevedra), Consellería de Cultura (Xunta de Galicia), Concello de Vilagarcía de Arousa ou a da Cruz Roja Española, e noutras estranxeiras de Cuba, Arxentina, Suíza ou Portugal. Elaborou portadas de libros, e tamén ilustracións e carteis para suplementos culturais e revistas especializadas da prensa galega. Tamén escribiu ensaios para o suplemento cultural do Diario de Arousa. Cabe resaltar o seu labor docente en talleres, cursos e clases particulares, que compaxina coa súa faceta artística.
Artista de vocación innovadora, concibe a arte como «unha forma de vida, unha filosofía para seguir», e afirmou: «Son un pintor tradicional dunha visión plana, bidimensional», aínda que dunha maneira paulatina ha evolucionado desde unha pintura figurativa centrada na investigación cromática cara a unha emotiva obra abstracta focalizada na exploración da materia e o volume; o relevo foi adquirindo maior presenza tridimensional a través do desenvolvemento dun armazón estrutural interno. Asegura que a súa obra móvese nun «terreo híbrido, complexo a hora de inscribila nas metodoloxías creativas tradicionais» e recorre ao xogo de trampantollos, de maneira que pigmentos sobre tea simulan acabados propios de sólidos materiais. A contorna mariñeira vilagarcián resulta fundamental no seu traballo, no que reflicte a súa obsesión polo mar, elemento latente nas súas composicións xeométricas de acento constructivista a través da progresiva incorporación de cabos, cordas, restos de embarcacións, etc. e do emprego de materias pouco ortodoxas como o alcatrán. Entre os seus referentes atópanse pintores como o seu paisano Antón Rivas Briones −referencia fundamental para moitos artistas de Vilagarcía−, Oskar Kokoschka ou Marc Chagall e escultores como Oteiza.
Na constructivista obra que figura na Colección Afundación, Estiramento tensionado (2006), adivíñanse as características trampas visuais coas que o autor acostuma xogar, pois a través da combinación de óleo e outros materiais vinculados ás beiras da súa terra natal como o alcatrán ou a gasolina simula óxidos e acabados insólitos sobre o soporte do lenzo que evocan o mundo mariño de embarcacións e area tan propio do creador vilagarcián. Así mesmo, introduce diferentes cabos −cordas utilizadas nos barcos− para suxerir a través de diversos nós e entrecruzamientos unha serie de estiramentos e tensións ás que fai referencia o título, moi recorrentes na súa abstracta obra de acento lírico, na que focaliza a súa atención no comportamento dos materiais, especialmente na súa elasticidade.
Bibliografía
ARTE Axuda Galicia, Marea Branca, A Coruña, 2003.
MORFOLOXÍAS, Concello de Vilagarcía de Arousa, Vilagarcía de Arousa, 2010.
VV. AA.: Enciclopedia Galega Universal (EGU), Tomo 9, Ir Indo Edicións, Vigo, 2002.