• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

FERMÍN GONZÁLEZ PRIETO

González Prieto, Fermín

( Viveiro, Lugo, 1900 - Madrid, 9 de mayo de 1987 )

Biografía

Fermín González Prieto criouse en Viveiro e en 1901 emigra á Habana onde vivía un irmán que era xoieiro. Malia que tamén comezou a traballar no mesmo obradoiro de xoiaría, axiña recibiría unha bolsa para estudar na Escola Superior de Belas Artes e así fórmase nun estilo academicista e impresionista.

Posteriormente, exercerá como profesor de pintura no Centro Galego da capital cubana e terá a oportunidade de visitar diversas cidades europeas para continuar investigando. Finalmente, a comezos dos anos 20, decide instalarse en Madrid onde participa en diversas exposicións, ademais de establecer amizade con colegas artistas e intelectuais e comezar a súa actividade fotográfica.

Co comezo da nova década asentarase no seu Viveiro natal. E así compaxina a súa faceta creativa, pictórica e fotográfica coa docencia como profesor de debuxo na Escola de Traballo. Co estalido da Guerra Civil vese perseguido polo bando franquista. Nos anos posteriores á contenda reduciu a súa produción artística e dedicouse a traballar en negocios familiares e no seu estudio de fotografía. Xa feitos os 63 anos decide regresar a Madrid para retomar a pintura, e participa en sucesivas exposicións a nivel nacional e internacional, sen deixar de ter contacto coa súa Galicia natal, que seguirá presente na temática da súa produción.

O estilo pictórico de González Prieto vincúlase ao impresionismo e postimpresionismo cos que estivera en contacto na súa época de formación na Habana. As obras Filloval, Trascandela, Mosteiro e Casa de Campo encádranse no xénero da paisaxe e reflicten as características impresionistas e postimpresionistas mencionadas. Ao longo da etapa final da súa carreira pintou en moitas ocasións diversos lugares da alta montaña lucense nos que amosa o seu interese pola composición e pola plasticidade. Así, as liñas marcan a horizontalidade das escenas, ao mesmo tempo ca as diagonais crean puntos de fuga outorgando máis profundidade a unhas vistas que xa transmiten moita amplitude. Con estas creacións conseguiu grande éxito e recoñecemento en distintas exposicións en Madrid.

O autor recrea catro vistas de contornos rurais da montaña lucense, nas que, desde un punto de vista alto, se observan amplas zonas de terreo, estendéndose cara á inmensidade, protagonizadas por unha ampla gama cromática de verdes, azuis e grises. As pinceladas soltas e empastadas contribúen a remarcar as ondulacións do terreo que achegan sinuosidade e movemento a unhas paisaxes nas que a presenza humana simplemente se intúe pola inclusión de pequenas arquitecturas ou pola delimitación dos campos de labranza.

Cabe destacar que a pintura paisaxística de González Prieto se viu enriquecida pola súa experiencia coa fotografía, á hora de concibir os encadramentos e tamén no momento de reinterpretar a natureza. Deste xeito, provoca que sexa o espectador quen acabe por configurar coa súa observación o resultado final das obras, nas que os múltiples matices cromáticos en tons fríos son os absolutos protagonistas. Aínda que toma como motivos lugares reais, a interpretación que realiza non ten porqué ser fiel á realidade e aproxímase en moitos casos á abstracción.

Bibliografía

ARTISTAS lucenses: Fermín González Prieto, Deputación de Lugo, Lugo, 1966.

CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.

ILARRI GIMENO, A.: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León», Concello de Vigo, Vigo, 1978.

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.

VV. AA.: F. G. Prieto. Exposición monográfica, Caixavigo, Vigo, 1985.

Obra

  • Casa de Campo

    Casa de Campo 1973

  • Filloval

    Filloval 1960

  • Trascandeda

    Trascandeda 1961

  • Mosteiro

    Mosteiro 1970

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2025© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78