JUAN GARCÉS
Garcés, Juan
( Marín, Pontevedra, 1935 - Madrid, 2014 )
Biografía
Mariño de profesión, entregoulle á pintura arelas suficientes como para consideralo un artista profesional. Dedicado fundamentalmente á paisaxe non se adoita incluílo en repertorios galegos, malia o seu necemento. Realizou numerosas exposicións dende moi novo, sobre todo de paisaxes e mariñas, que lle interesaron á crítica, obtendo gabanzas desde o mestre José Camón a Antonio Manuel Campoy. Existen obras súas en museos de Galicia, e en concreto no de Pontevedra.
Garcés é un lírico esquemático, con grande dominio das gammas envoltas, sobre todo de azuis e grises. As súas mariñas son exquisitas, froito dunha longa observación do espectáculo natural que para el é o mar. Nos ámbitos de terra dános grandes extensións, dalgunha maneira identificables con José Beulas, para que a materia, encol dun debuxo escueto e seguro, diga a emoción da natureza espida de terras pardas ou amarelas, en contraste con zonas de intensa sombra.
Bibliografía
Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
López Anglada, Luís: Juan Garcés. Madrid, Ministerio de Educación y Ciencia, 1974.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pintura naval. Exposición Nacional. Palma de Mayorca, 1990.