GALIA BLANCO
Blanco, Galia
( Santiago de Compostela, 1974 )
Biografía
Galia Blanco, nacida en Santiago de Compostela en 1974, é unha artista e xornalista afincada en Poio. Artista multimedia, desde pequena interesouse polo cinema, a poesía e a música, inquietudes que se reflicten na súa obra. Ao longo da súa traxectoria compaxinou sempre a arte e a comunicación, traballando no diario O Mundo (Galicia), ademais dalgunhas entidades culturais e producións audiovisuais. A súa faceta de xornalista lévaa a dialogar coa realidade, pero a arte permítelle traducir as emocións en liñas, texturas, cor; en refuxio, resistencia e verdade. Galia crea para entender o mundo, cuestionalo e, sobre todo, transformalo.
Deu os seus primeiros pasos artísticos en 1989, cunha exposición colectiva na Casiña de Pontevedra. Desde entón participou en numerosas mostras, individuais e colectivas, de ámbito nacional e internacional. Destaca a serie “Popsportraits”, formada por retratos de estética pop que marcaron o inicio da súa carreira e que presentou na súa primeira exposición individual en 1991. Máis dunha década despois, en 2003, retomou esta liña na exposición itinerante “Mírame de preto”, dentro do programa “Os nosos artistas” da Xunta de Galicia.
Máis tarde, crea a serie “Agropop”, na que representa a través de cores “relinchantes”, como os denomina a artista, temáticas do rural galego desde unha perspectiva contemporánea. O crítico Xosé Antón Castro sinalou que nestas pezas, expostas por primeira vez en AFundación, Galia xoga con “unha abstracción fragmentaria que se manifesta en obras como Amence que non é pouco ou O crepúsculo dos Deuses” –títulos tomados do cinema–, denominadas deste xeito para crear un xogo irónico e lingüístico.
Nos últimos anos, a súa obra evolucionou cara a unha linguaxe máis intimista e simbólico, o que se observa nas súas series “Eternas” e “Harmonías”, coas que pretende deter o tempo e ordenar o caos da vida contemporánea introducindo á súa vez a forza e intelixencia das mulleres eternas que retrata.
Traballa tamén a técnica do linogravado que combina con acrílicos moi vibrantes, logrando que cada peza sexa única. Nesta liña reivindica o cotián, as raíces e o compromiso co medio natural e os dereitos humanos como materia artística.
En 2025 expón por primeira vez, no Museo Municipal Manuel Torres de Marín, dúas instalacións (nas que emprega técnicas artesanais tradicionalmente desenvolvidas por mulleres) coas que convida a reflexionar sobre os malos tratos sistemáticos ao que se somete a máis da metade da poboación mundial. “Soños atrapados” está formada por tres atrapasueños, atados entre si, que colgan dunha madeira traída polo mar e dos cales, como comenta Galia “os únicos soños que logran escapar, son aqueles que se lles permite ter á maior parte das mulleres: permanecer encerradas en casa e coidar dos demais”, representados a través dunha casiña e un patuco tecidos por ela. Pola súa banda, a instalación “Como te ves?” está formada por un veo, "basto, pesado e brutalmente tecido", apunta a autora, e un espello de sobremesa. Blanco convida a probarse o veo, mirarse ao espello e reflexionar.
Na Colección Afundación figura unha obra de Galia Blanco datada en 2007 titulada “Bonnie and Clyde”. Pertence á serie “Agropop” na que, segundo X.A. Castro, Galia “toma a Galicia como pretexto para proxectar o pensamento rural ao mundo urbano (o Pop foi esencialmente urbano) e eleva a fragmentariedade icónica a un argumento narrativo.” A obra mostra dúas vacas de raza marela, autóctona de Galicia onde, como sinala o crítico, emprégase “unha paleta de cores moi fauvista”, acompañadas do nome da famosa parella de delincuentes estadounidense Bonnie and Clyde. En palabras de Castro, con esta peza a artista, “máis aló da vaca warholiana, sempre acrítica, propón a marela como un exercicio de trasgresión lingüística, literaria e aínda política”.
Bibliografía
DIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CULTURAL. Mírame de preto (R. Rozas Domínguez, Texto). Litonor, Santiago de Compostela. 2003
CEP. Galia Blanco, “Eternas”. 2024
XUNTA DE GALICIA. Galia Blanco. Agropop. Os cabaleiros prefírenas louras II (X. A. Castro, Texto). Casa de Galicia, Madrid. 2008