MARÍA VICTORIA DE LA FUENTE
FUENTE ALONSO, MARÍA VICTORIA DE LA
( VIGO 1927 - MADRID 2009 )
Biografía
En 1953 empeza a participar en mostras colectivas. Viaxa a París en 1955 e descobre directamente os mestres do cubismo: Picasso, Bracque e Juan Gris. Tamén viaxa ós Países Baixos para se entusiasmar con Rembrant e Vermer, a Italia, onde coñece as obras de Sironi e Morandi.
O seu interese pola pintura mural lévaa a realizar algúns traballos importantes nesa técnica na que atopa a súa expresión persoal,a partir dun expresionismo de factura lírica.
En 1962 obtén o premio da crítica pola súa exposición individual no Ateneo que a confirma como unha das grandes pintoras españolas. Segue coas súas viaxes polo mundo dos museos. En 1964 casa co extraordinario pintor Máximo de Pablo e obtén os premios Abril e Familia Española, así como unha bolsa da fundación March.
Nas Nacionais de Belas Artes de 1965 e 1967 obtén a terceira e segunda medallas, respectivamente. Abandonará Madrid para se instalar en Levante, nunha aldea de salinas e pescadores, se ben segue visitando periodicamente Madrid e a súa cidade natal, onde ten realizado diversas exposicións.
Está representada no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, nos museos de Galicia e noutros moitos de España, Europa e América.
Mª Victoria de la Fuente crea uns ambientes de evanescencia, con obxectos determinables, e, sen embargo, tan interrelacionados que semellan xelatinosos. Atmosfera, obxectos, todo se funde e confunde nun clima de ouros ocres e carmíns atenuados.
Son magníficos os seus retratos inventados, que poñen de manifesto un debuxo formidable, e, asemade, unha grande liberdade. A técnica é para ela primordial, exquisita e certamente maxistral. Se cadra, o máis sobranceiro da súa obra sexan os bodegóns, que elevou a categoría de paisaxes imaxinarias. Nada máis transparente cós seus cristais, case inmateriais, e, ó mesmo tempo, nada máis auténtico cás súas froitas, a punto de se desfaceren no seu propio almíbar. Pese a todo esto, nunca existe a brandura. Polo contrario, na pintura de Mª Victoria de la Fuente todo é enérxico, firme, expansivo, dende modos expresionistas de execución primorosa.
A viguesa é, sen dúbida, unha das grandes figuras da pintura española contemporánea.
Bibliografía
Madrid, Ibérico Europea, Edic., 1970.
-Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, 1973.
-Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las exposiciones nacionales de Bellas Artes.
Madrid 1980.
-Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia.
A Coruña, Caixa Galicia 1987.
-VV. AA.: Mujeres en el Arte español.
Madrid, Centro Conde Duque, 1984.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo 1981.
-VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980.
Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.
-Vangardas e silencios.
Compostela, Xunta de Galicia 1984.