LEOPOLDO VARELA
Fernández Varela, Leopoldo
( O Porriño, Pontevedra, 1929 - 2007 )
Biografía
A súa infancia transcorre no Porriño ata que con oito anos se traslada coa súa familia para Vigo. É alumno de Debuxo de Carlos Sobrino e empeza a achegarse á pintura cando era moi novo. Con todo, será Joan Marcé —o paisaxista catalán— quen marque a súa vocación artística. Con dezaoito anos pinta do natural con Ramón Rivas, artista que finará de forma prematura. Realiza a primeira exposición, cun grande éxito de público e crítica, na desaparecida sala Foto Club de Vigo en 1954. Compaxina a faceta artística co traballo de comercial que o obriga a viaxar continuamente, sobre todo a Castela e á Rioxa; paisaxes que aparecerán na súa produción. Obtén a medalla de prata na Bienal de Pontevedra de 1972 e o seu éxito confírmase cando é seleccionado en 1974 para a Trienal de Arte de Santiago de Compostela, así como na “Mostra de Artistas Galegos” de Madrid en 1976. No seu desexo de ampliar horizontes, viaxa por Europa e queda abraiado coa obra de Turner; viaxará repetidamente a Londres para estudala devagar. Ao longo da súa traxectoria realiza exposicións nas principais cidades de Galicia, así como noutras principais cidades de España e tamén en América Latina. Así mesmo, está representado en museos como o Quiñones de León de Vigo, e en coleccións como a da Deputación de Pontevedra e outras particulares de Uruguai, Venezuela, Francia e Portugal.
Os seus referentes estilísticos iniciais atópanse no impresionismo. Apaixonado da natureza, a súa temática está focalizada principalmente na paisaxe; atráeno dun xeito especial os escenarios rurais, os bosques e os recunchos mariños galegos, se ben tamén pinta numerosas paisaxes do centro de España. A acuarela é a técnica predilecta na súa etapa inicial, aínda que tamén cultiva o óleo. Na súa primeira etapa amosa unha precisión maior, cunha pincelada curta e delgada que reforza o seu excelente debuxo, mais sen abandonar a naturalidade. De maneira progresiva, a materia gana protagonismo e as pinceladas vólvense máis anchas e pastosas —o debuxo de soporte desaparece— e a súa pintura vólvese máis abstracta. Na década dos setenta combina o óleo coa acuarela. A partir de 1980 céntrase totalmente no óleo e dedícase case de maneira exclusiva á paisaxe, que alterna con algunha natureza morta. Esta obra, que é a que vai consolidar a súa sona, asinaraa soamente co nome e mais co segundo apelido; desaparece o primeiro apelido que figuraba en toda a súa etapa de inicio.
Nas oito obras pictóricas ao óleo que figuran na Colección Afundación, e que abarcan un amplo período cronolóxico —de 1973 a 2003—, saliéntase o seu virtuosismo como paisaxista e o amor pola natureza, auténtica protagonista das súas composicións de refinada sensibilidade. En todas elas destaca a combinación de luz e cor mediante unha materia que vai collendo maior peso conforme pasan os anos de maneira que se volve un sinal fundamental da súa linguaxe artística. Nestas oito paisaxes apréciase o gradual proceso abstractivo que sofre a súa obra, de modo que o compoñente representativo vaille cedendo protagonismo á combinación de materia, luz e cor.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Diputación provincial, 1989.