• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

DIEGO MOYA

Fernández de Moya, Diego

( Jaén, 9 de mayo de 1943 )

Biografía

Cun gran interese polo debuxo, inicia a carreira de Arquitectura en Madrid ─que finaliza en 1968─, na que descobre que a súa verdadeira vocación é a artística, de maneira que comeza a estudar Belas Artes de forma paralela ─estudos que abandona no segundo ano─. En 1972 obtén unha bolsa da Fundación Juan March que lle permite viaxar e realizar obra en París. En 1980 e 1981 obtén unhas bolsas do Ministerio de Cultura, e neses anos viaxa a Estados Unidos. Desde 1991 posúe un estudo en Asilah, Marrocos, país polo que sente fascinación e onde pasa longas tempadas. Participa de maneira habitual en mostras individuais e colectivas en España e outros país europeos, así como en Marrocos, e a súa traxectoria artística atópase chea de galardóns de pintura como o primeiro premio no IV Concurso Internacional de Pintura de Navarra (1986) ou o primeiro premio no Concurso Nacional de Pintura de Alcobendas (Madrid, 1987). Tamén realizou numerosas intervencións e instalacións no contexto arquitectónico, entre as que resalta a instalación-mural da praza Elíptica (Madrid, 1994), que lle reporta o primeiro premio de «elementos compoñentes de espazo público». Está representado en coleccións españolas de prestixio como a de Unión Fenosa, Fundación “La Caixa”, Fundación AENA, Calcografía Nacional, Museo de Arte Contemporánea de Navarra, etc. e en coleccións internacionais de Marrocos, Tánxer, Bruxelas, Ámsterdam ou Xapón. Moi interesado por tender pontes entre distintas culturas, en 1998 funda a Asociación MED-OCC, que desenvolve programas de intercambio cultural no Mediterráneo, e tamén organiza mostras itinerantes entre Oriente e España, con importantes artistas, así como con coloquios e mesas redondas. Formou parte do Consello Asesor da Casa Árabe ata o ano 2012, e un ano máis tarde recibe o premio da Asociación 14,4 como personalidade destacada nos intercambios culturais entre as dúas beiras do Mediterráneo. 
Afastado de grupos ou movementos, a metafísica e a natureza son parte fundamental do seu traballo artístico multidisciplinar vinculado á interculturalidade e a abstracción, no que explorou a pintura, colaxe, escultura, instalación, e tamén a obra gráfica. Os seus inicios están relacionados coa investigación que desenvolve en París da arte óptico e cinético sobre materiais plásticos, que se concreta nas súas características caixas tridimensionales luminosas; traballos que conclúe en 1978 e que anos máis tarde retomará. Desde ese momento, a súa obra experimenta un cambio, realiza colaxes de papeis impresos e déixase seducir pola linguaxe pictórica do expresionismo abstracto americano, que descobre de primeira man na súa viaxe a EE.UU. Desde 1981 a pintura adquire un gran protagonismo na súa produción ─que alternará e combinará con outras disciplinas─, interesarase especialmente pola mística, o simbolismo e a materia; afirma Moya: «O meu foi un proceso á inversa do habitual: eu funme materializando».  
Sueño de los muros II (1996) da Colección Afundación, pertence á serie Continentes, na que, en palabras de Juan Manuel Bonet, «está entregado á exploración da paisaxe interior, ás súas paisaxes da alma». Son obras cheas de forza e de símbolos que posúen unha gran plasticidade e intimismo nas que emprega a súa característica linguaxe expresionista de carácter abstractivo onde a materia «fala» a través dos seus característicos surcos e craquelados. Na pintura que nos ocupa, que parece evocar formas xeolóxicas e cósmicas, apréciase unha división cartesiana da superficie pictórica en dous mundos contrastados e enfrontados ─parece aludir á súa propia dualidade: a súa orixe europea e as súas fortes raíces marroquís─, e un groso, serpenteante, gestual e irregular trazo branco que invade ambos os universos.    

Bibliografía

DIEGO Moya: La piel de la tierra, Ayuntamiento de Alcalá de Henares, Alcalá de Henares, 2015.  

VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 5, Forum Artis, Madrid, 1994, p. 1231.

Obra

  • Sueño de los muros II

    Sueño de los muros II 1996

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78