• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

XOTI DE LUIS

Luis Alemany, Juan Manuel de

( Vigo, 1953 )

Biografía

Xoti de Luis viviu ao longo da súa vida en Vigo, na Coruña e en Santiago de Compostela. Nos comezos da súa traxectoria creativa nos anos 70 formou parte dos grupos coruñeses como A Carón, A Galga ou Gruporzán. No primeiro tivo como compañeiros a Correa Corredoira, Mon Vasco ou Xaime Cabanas. Nel tamén participaban escritores como Agustín Fernández Paz, Francisco Taxes e Ánxeles Penas. A práctica de happenings ou de poesía experimental foi frecuente entre os membros deste colectivo.

Pola súa parte, na Galga colaborou con Alberte Permuy, Fermín Encinar ou Pepe Galán. Actuou desde a abstracción e a arte conceptual, en moitas ocasións mediante performances. Gruporzán aglutinaría a artistas que desenvolvían diversos estilos plásticos, ademais de promover a creación dunha galería na que se expoñían os seus traballos.

A participación deste artista en exposicións foi constante, tanto a nivel individual coma colectivo, en diversas cidades galegas e españolas. Así mesmo, a súa obra está presente en coleccións como o Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), o Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), o Museo de Belas Artes da Coruña, a Colección do Banco de España (Madrid) ou o Museo Bello Piñeiro (Ferrol).

Ao longo da súa carreira Xoti de Luis, compaxinou a pintura coa ilustración, na que desenvolveu un estilo vinculado ás tendencias postimpresionistas e expresionistas, con incursións no informalismo. Nas súas composicións destacan as pinceladas amplas cargadas de materia que lle outorgan textura á superficie, conseguidas a través da superposición de capas de resinas, vernices e pigmentos.

A obra Bodegón escumoso, datada en 1993, está protagonizada por unha serie de obxectos colocados sobre o que parece ser unha mesa. O xogo da distorsión da perspectiva provoca que se observe a superficie nun único plano de fondo indefinido, en tons ocres, beixes e negro, que é a gama cromática que domina, salpicada con algunhas pinceladas rosas e brancas que fan destacar as froitas e obxectos de cerámica representados, construídos con grosas liñas.

Bibliografía

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981. 

Obra

  • Bodegón espumoso

    Bodegón espumoso 1993

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78