• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

CRISTÓBAL TORAL

Toral Ruiz, Cristóbal

( Torre-Alhaquime, Cádiz, 1940 )

Biografía

Poucos días despois de nacer, a súa humilde familia trasládase a Antequera. Ata os dezanove anos vive nunha choza no campo, onde traballa xunto ao seu pai e non recibe formación oficial algunha. Aconsellado por uns cazadores que descobren os seus debuxos, o seu pai decide envialo á Escola de Artes e Oficios para cursar estudos nocturnos, que compaxina cos seus labores no campo. Posteriormente, recibe unha bolsa para estudar na Escola de Belas Artes de Sevilla, e aos tres anos, decide proseguir a carreira na Escola de San Fernando de Madrid; se gradúa en 1964 co Premio Nacional de Fin de Carrera. Durante esta etapa formativa, obtén así mesmo a medalla de ouro de Paisaxe do Paular. En 1965 concédenlle unha bolsa do Ministerio de Educación e Ciencia para preparar unha cátedra na Escola de Belas Artes, onde exercerá como docente auxiliar durante tres anos. Realiza a súa primeira mostra individual no diario Pueblo de Madrid en 1966. En 1968, recibe unha bolsa da Fundación March para ampliar estudos en pintura e ilustración en España, e un ano despois é bolseiro pola mesma fundación para completar a súa formación en Estados Unidos; establécese en Nova York, onde realiza a súa primeira individual na Galería Staempfli. En 1975 participa na XIII Bienal de Sao Paulo e gaña o primeiro premio de crítica e público, e en 1977 na XXIII na Bienal Internacional de «Fiorino» (Florencia), onde obtén a medalla de ouro; a partir deste intre a súa proxección internacional resulta imparable, pois se sucederán exposicións en París, Hamburgo, Nova York, Florencia, Belgrado, Budapest, México, Bogotá, Buenos Aires ou Lima, e nas principais cidades españolas, así como feiras como ARCO ou FIAC. Entre os seus innumerables recoñecementos, cabe destacar a distinción de Académico de Honra da Real Academia de Belas Artes Santa Isabel de Hungría, a Medalla de Ouro de Andalucía e o Premio de Cultura en Artes Plásticas da Comunidad de Madrid. A súa obra figura en prestixiosas coleccións a nivel mundial.  
Considerado un dos grandes representantes do realismo máxico español ─aínda que el prefire «falar de figuración antes que de realismo»─, sostén que a súa idea da arte está cimentada sobre tres piares: a arte do pasado ─admira a Velázquez─, a arte da modernidade ─Cézanne, Mondrian, Rothko ou Picasso─ e a realidade, pois afirma: «a realidade con todas as súas luces e as súas sombras é para min a base fundamental». Parte na súa obra dos «clásicos» para chegar a «a máis absoluta modernidade»; non dubida en asegurar: «A vangarda son eu». Cultiva a ilustración, pintura mural, escultura, gravado, instalación, e especialmente o debuxo e a pintura. A súa poética obra chea de misterio posúe un compoñente de denuncia social en temáticas que xorden da nosa condición de nómades: as viaxes, as migracións, a soidade ou o abandono, que simboliza a través dun elemento recorrente como é a maleta. Os espidos femininos e os bodegóns son así mesmo temas recorrentes no seu imaxinario. 
Na obra gráfica Composición con frutas que figura na Colección Afundación, representa un bodegón cheo de simbolismo cun espírito heterodoxo, de maneira que rompe co patrón clásico establecido neste xénero, e dispón unha gran variedade de froitas ─entre as que se atopan as súas características mazás─ e unha serie de útiles como coitelos, flotando no espazo ─polo que mostra un particular interese─ con algúns elementos destacados a través de vivas cores sobre outros que se mostran silueteadas en negro, nun neutro e misterioso escenario.

Bibliografía

CRISTÓBAL Toral, Centro Cultural de la Villa, Madrid, 1994.  

VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 14, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 4196-4197.

Obra

  • Composición con frutas

    Composición con frutas

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78