FELIPE CRIADO
Criado Martín, Felipe
( Gijón, Asturias 8 de enero de 1928 - A Coruña, 23 de noviembre de 2013 )
Biografía
Fillo de pais salmantinos, nace en Xixón e debido á profesión militar do seu pai cambia asiduamente de residencia. En 1936 será testemuña dun feroz bombardeo en Santander que marcará a súa vida e obra. En 1940 a familia do artista aséntase de maneira definitiva en Galicia. En 1942 instálase en Santiago, onde inicia a carreira de Medicina, pero dous anos máis tarde contrae a tuberculose. Obrigado a gardar repouso, aproveita para cultivarse na literatura clásica, na música e na meditación. En 1949 coñece a Francisco Asorey, quen será o seu mestre e estímulo definitivo na súa vocación artística. En 1954 ingresa na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid e realiza a súa primeira mostra individual na Sala de Turismo de Santiago de Compostela. Licénciase en 1959, ano no que contrae matrimonio con Mercedes Boado. En 1961 gaña a Cátedra de Anatomía Artística na Escola de Artes e Oficios de Santiago, e dous anos máis tarde a Cátedra de Debuxo de Institutos de Ensinanza Media, actividade pedagóxica que desenvolve en Santiago e posteriormente na Coruña, ata a súa xubilación. No mundo da crítica artística colabora en La Noche de Santiago, e en 1963 inicia unha asidua colaboración en La Voz de Galicia. Ao longo da súa traxectoria participa en numerosas exposicións, tanto individuais coma colectivas, en España, así como nos Estados Unidos e en Latinoamérica. A súa obra pódese atopar no Museo Provincial de Lugo, Colección Deputación da Coruña, Real Academia Galega de BB.AA., Museo do Castro, Parlamento de Galicia o Museo de BB.AA. da Coruña, e cabe mencionar o seu ingreso en 1996 na Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario como académico numerario.
Extraordinario debuxante, admirador de Matisse, nos seus inicios explora as súas sombras persoais. Son obras de temática marcadamente social que representan o drama e a aflición protagonizadas por figuras femininas e infantís de carácter escultórico situadas en escenarios urbanos. A paleta é contida, e o seu debuxo virtuoso marca volumes e movementos. Contra finais dos setenta e principios dos oitenta paulatinamente a luz imponse, a obra evoluciona cara a un vitalismo existencial que se recrea no gozo de vivir e na beleza física do ser humano. A muller é protagonista en numerosos nus, de rostros moitas veces anónimos, que destilan vigor, erotismo e clasicismo. As súas composicións, nas que o ritmo e a xeometría son fundamentais, revelan un amplo coñecemento da anatomía humana. A mediados dos noventa dota a súa pintura dunha pátina conceptual a través do readymade duchampiano; logra conciliar o mundo clásico e a linguaxe en aparencia anticlásica dos obxectos reutilizados. Ademais da figura humana, tamén destaca na súa pintura o tema da paisaxe, en especial as mariñas, e tamén explorará a cerámica e o mural no seu quefacer artístico.
Nas dúas obras pictóricas que forman parte da Colección Afundación, datadas en 1988, recoñécese a linguaxe figurativa libre de marcado acento lírico característico do autor. A figura humana, rotunda, case escultórica, é protagonista —xunto á música— en dúas poéticas escenas que evocan a mitoloxía grecorromana tan presente na súa obra. Músicos é unha composición complexa de grandes dimensións na que o ritmo musical se instaura grazas ao xogo de volumes dos protagonistas. A paleta fría e a serenidade dos rostros potencian o sentimento lúdico da escena. En Dueto a paleta tórnase máis cálida, a pincelada é máis solta, e o movemento e ritmo refórzanse por uns trazos negros que atravesan a composición.
Bibliografía
GRAN enciclopedia gallega, Vol 8., Silverio Cañada Edit., Gijón, 1974.
ILARRI Gimeno, A.: Catálogo del Pazo-Museo "Quiñones de León", Concello de Vigo, Vigo, 1978.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
VANGARDAS e silencios, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1988.