CONDE CORBAL
Conde Corbal, Xosé
( Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 5 de abril de 1923 - 5 de marzo de 1999 )
Biografía
A extraordinaria colección de gravados deste autor, que acolle a colección Afundación, son un perfecto catálogo do seu quefacer no ámbito artístico máis destacado dentro do seu extenso traballo, desenvolvido en diferentes disciplinas artísticas, desde o debuxo á pintura, pasando polo gravado ou polo muralismo. Neles rastrexamos varios dos trazos definitorios que engarzan o seu traballo co gravado europeo de entreguerras, cun expresionismo que afondaba no sentimento humano, ao mesmo tempo que permite ofrecer todo un mostrario de introspeccións sobre como a persoa se enfronta ao seu contorno cotián. Ese contorno é a outra grande opción da obra de José Conde Corbal á hora de analizar a súa obra. Grande amante do territorio galego a el consagra a súa obra, desde a recreación paisaxística de ámbitos rurais de interior e de costa ou conxuntos etnográficos cun gran valor arquitectónico, ata a plasmación de diferentes oficios relacionados coas actividades agrarias ou mariñeiras.
A súa cidade natal foi sempre unha ancoraxe ao longo da súa vida. Nela comeza a aproximarse á actividade artística, nun tempo no que o influxo de Castelao e as pensións da Deputación Provincial xeraran un ambiente artístico renovador fronte ás compoñentes rexionalistas da arte, vinculando as novas experiencias creativas co universo das vangardas e coa representación dunha identidade galega como opción estética. Inicia estudos nas facultades de Dereito e Química pero a opción artística imponse, e así, tras diversas experiencias profesionais, instálase en Ourense onde realiza a súa primeira exposición individual en 1960. Acollida con numerosos afagos ten claro xa cal será o seu camiño. Comeza a realizar ilustracións no diario La Región aplicando as súas imaxes a textos de Vicente Risco. Con este traballo comezaba tamén a incorporar na súa obra plástica un profundo interese comunicativo, arte para representar, pero tamén para explicar unha realidade que nos rodea. José Conde Corbal sempre mantivo activa esa vocación ‘xornalística’. En 1963 retorna a Pontevedra, precisamente no ano no que Diario de Pontevedra recuperaba a súa actividade perdida tras a fin da Guerra Civil. Desde ese momento deixa algunhas das páxinas máis fascinantes dese medio de comunicación. Os seus debuxos constituíron auténticas manifestacións da etnografía ou do folclore da provincia de Pontevedra. Festas, romarías, recunchos, retratos, fauna, monumentos, foron obxecto da súa ollada e dos seus trazos de claro corte expresionista, que no branco e negro do papel prensa xeraban unha atractiva e suxestiva elección artística.
Pero lonxe dese papel, as posibilidades de José Conde Corbal expresáronse de maneira igual de contundente. O espectacular mural que engalana o mítico café Carabela de Pontevedra convértese nun espello interior desa cidade que tanto quixo, pero tamén a súa pintura non deixou nunca de exaltar a provincia e as súas xentes. As súas barcas nas encalmadas do mar, o labor dos mariñeiros dedicados á pesca ou a coser as súas redes, mesmo o voo das gaivotas son dunha identidade propia que rapidamente nos leva a alguén dunha profunda sensibilidade cara ao seu contorno e cara a esas realidades que moitas veces pasan desapercibidas polo seu carácter cotián, pero que o artista rescata para outorgarlle esa transcendencia e heroicidade que a representación artística lles concede aos seus motivos.
Ramón Rozas
Bibliografía
CONDE Corbal, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989.
CONDE Corbal. Pintura 1991 - 1993, Deputación Pontevedra, Pontevedra, 1993.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
VANGARDAS e silencios, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1988.