RAMÓN CONDE
Conde Bermúdez, Ramón Ángel
( Ourense, 18 de diciembre de 1951 )
Biografía
Atopamos unha moi peculiar estética neste artista, escultor da abundancia, gozador da exacerbación anatómica, insistencia na obesidade monstruosa, e, sen embargo, meditadamente estética. Realizou a primeira exposición na súa cidade natal, en 1971, cando non tiña máis ca vinte anos. Modelou numerosos bustos de encargo, nos que perfecciona as súas indubidables condicións de excelente escultor e participa en certames públicos dos que son resultado as súas cabezas, monumentais, de Valle-Inclán, Suárez Fermín na Coruña e de Pablo Iglesias en Ourense, abondas para coñece-la súa evolución desde un realismo tradicional ó ciclopeísmo que ha de caracteriza-la súa obra persoal nun modelado vigoroso. Percorre Europa e mais Estados Unidos, onde permaneceu algún tempo dedicado a tarefas didácticas universitarias. Reside na Coruña algúns anos e despois establécese en Vigo, onde, no arranque da Gran Vía, se situou o seu impresionante monumento ó traballo, con modos que van de Braker a Bigatti, pura dinámica en tensión, anatomías rotundas e centrífugas, vagamente miguelanguescas, con non pouco de Inferno dantesco. Destes modos pasou á absoluta rotundidade volumétrica dos seus seres obesos, coma erros da natureza, obsesivos e obsesionantes, pura curva, sinuosidade, xesto anguriado ou desafiador, masas de xelatina nas que a referencia anatómica convencional, sen embargo, non desaparece. Está representado en museos de Madrid, Galicia e Sudamérica e mais en institucións oficiais e públicas.
Bibliografía
CASTRO, X. A.: Arte en Galicia de los 80, Edic. do Castro, Sada, 1986.
CALVO SERRALLER, F.: Enciclopedia del arte español del siglo XX, Mondadori, Madrid, 1991.