MARÍA CHENUT
CHENUT, MARÍA
( 1976 )
Biografía
Iniciou moi nova a súa formación artística, que é multidisciplinar. En 1993, consegue certificado de orientación profesional en arquitectura, na Escola de Deseño de Harward, Estados Unidos e, tras estudar un curso no Centro Internacional de Arte de Florencia, Italia, licénciase en Belas Artes na Universidade de Nova York, en 1998. Trasládase a Galicia e instálase preto de Compostela, onde reside e traballa, tras seguir outros cursos no Centro Galego de Arte Contemporánea da capital de Galicia.
Realizou fotografía de maquetas de arquitectura, escenografía teatral e ballet en Estados Unidos, Francia e Galicia e interesouse por outras experiencias artísticas e literarias.
Colectivamente expuxo en Nova York, Florencia e na Coruña.
Tan variadas experiencias conducírona a unha arte innovadora, por completo anticonvencional, relacionable coas experiencias pop, tanto no formato de cadro coma en instalacións, que arrastran estéticas do surrealismo, nas que os elementos da composición rompen o seu significado habitual, para sorprender e provocar novas reaccións no espectador.
Aproveita obxectos diversos e fotografías antigas para as súas composicións, nas que o tópico sorprende pola súa inesperada utilización. A partir dos obxectos absurdos e inútiles que popularizou Man Ray, María Chenut conforma composicións estrañas nas que aparecen criaturas do mar e cunchas ou xoguetes en envases comúns ou quebra fragmentos de manequíns para inquietar cos seus incribles engadidos. Naum Gago e Jean Arop están tamén no seu pensamento.