CAULONGA
Caulonga Pereira, Jesús A.
( Santiago de Compostela, 1934 )
Biografía
Ausente habitualmente da súa terra natal é un dos artistas de máis intensa personalidade entre os que pasaron do medio século de idade. Empezou os seus estudios na Escola de Artes e Oficios da cidade onde naceu, na que foi discípulo de Blanco e de Asorey. A partir de 1956 vive en Madrid, onde asiste ás clases de debuxo do Círculo de Belas Artes e traballa como escultor, faceta da súa arte menos coñecida, pero de indubidable importancia. Tamén traballou no taller do gravador Dimitri Papageorgius, onde xorde a exquisitez da súa técnica, digna dos mestres flamencos dos séculos XVII e XVIII. Realizou exposicións en numerosas cidades de España e de Europa; traballou como restaurador na catedral de Friburgo. Posúe varios premios e atópase representado nos museos de Galicia. Caulonga é, en apariencia, un hiperrealista aínda que sempre é quen de dota-la súa pintura dun peculiar misterio de evanescencia. Domina a técnica de xeito admirable e nos seus cadros de pequeno formato hai esa mestría inconfundible do ben feito, con sensibilidade. As gammas quentes son as súas preferidas. Compón moi ben porque é un magnífico debuxante. Como escultor demostra que xunto á minuciosidade das súas morfoloxías latexa sempre un espírito creativo que o achega a Julio López e a Antonio López García.
Bibliografía
GRAN Enciclopedia Gallega, Editorial Silverio Cañada, 1974.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.