ALEJANDRO CARRO
Carro Rodríguez, Alejandro
( Lugo, 1964 )
Biografía
Trasládase ao País Vasco para cursar a carreira de Belas Artes na Facultade de Bilbao, onde se licencia nas especialidades de Pintura e Escultura en 1990. Unha vez rematados os seus estudos comeza o seu labor docente na Escola de Artes Plásticas e Deseño Antonio Faílde de Ourense. Así mesmo, tamén será profesor na Escola Pablo Picasso da Coruña e na Escola Ramón Falcón de Lugo —cidade onde establecerá a súa residencia. En 1990, tan pronto como rematou a carreira, participa no VI Certame de Artes Plásticas Xuventude 90 e resulta premiado na selección de Pintura; obterá outros galardóns como o primeiro premio no I Certame de Artes Plásticas Cidade de Lugo (1993) ou o premio adquisición no VII Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo (2001). A súa primeira exposición individual realízaa na Sala Nasa de Santiago de Compostela en 1994. Ao longo da súa traxectoria participa en mostras tanto individuais coma colectivas e feiras de arte contemporánea en España e no estranxeiro en países como Italia, Francia, Portugal ou Estados Unidos; logra expoñer no Aeroporto J. F. Kennedy e noutros espazos de Nova York. A súa obra encóntrase representada na Colección Caja Castilla-La Mancha, Colexio de Arquitectos de Galicia, Deputación Provincial e Concello de Lugo, Xunta de Galicia e nas universidades de Nova York e da Coruña, entre outras, así como en distintas coleccións privadas.
A pintura de Alejandro Carro, cargada de misterio, simbolismo e cunha temporalidade fragmentada, mostra unha constante preocupación social e unha recorrente reflexión sobre o oficio do pintor. Co paso dos anos a súa obra gañou en complexidade, cun discurso moito máis matizado e rico. Combina a abstracción coa figuración mediante unha elaboración minuciosa e un forte cromatismo de amarelos, laranxas, verdes, azuis e negros. Afástase das técnicas de reprodución mecánica e mantén unha directa relación co óleo traballado sobre a madeira. A través de imaxes pintadas de maneira realista e situadas en fondos orgánicos moi texturados ou neutros e xeométricos —contrapón o orgánico co xeométrico, a luz coa sombra, etc.— potencia o seu virtuosismo técnico e parece querer amosarnos que realizar unha pintura veraz resulta moito máis complexo que o retratar, desde connotacións propias da fotografía, unha temática determinada. As súas imaxes de ámbitos irreais parecen envellecidas; todo simula estar abandonado e degradado polo inexorable transcorrer do tempo.
A obra pictórica sen título de 1999 que achamos na Colección Afundación pertence á serie Evocacións. A evocación require mirar cara atrás e implica descubrir, neste caso, algo que pode ter interese a nivel estético. O autor representa coa súa persoal paleta cromática, cargada de amarelos, vermellos e negros, unha serie de figuracións —algunhas fidedignas e outras moi esquemáticas— entre as que destacan dúas imaxes dunhas nenas, plasmadas cun realismo case fotográfico, que sitúa inmersas nun espazo irreal pictórico cheo de xestos, goteos, texturas e xeometría, de tal maneira que esas imaxes, que parecen instantáneas, adquiren un novo e suxestivo significado nunha peza que xunta as bases conceptuais do seu discurso artístico: evocación, fragmentación e transformación.
Bibliografía
II EXPOSICIÓN de Pintores Lucenses, Círculo das Artes, Lugo, 1998.
ROZAS, M.: Disfrazadas ambigüedades (catálogo), Casa de Galicia, Madrid, 1999.
SARMIENTO, R.: Con perfil humano (catálogo), III Foro Atlántico de Arte Contemporánea, 1997, A Coruña.