LUIS BORRAJO
BORRAJO VÁZQUEZ, LUIS
( OURENSE 1950 - OURENSE 2005 )
Biografía
Inicialmente traballou con Acisclo Manzano. Apaixonado pola etnografía, coñece a fondo o mundo rural galego e do apeiro de labranza arrancou as súas primeiras creacións.
Concorreu a certames colectivos, coma a I Mostra Unión Fenosa; participou tamén no grupo Atlántica en Compostela, en 1983, así como noutras mostras nas que se impón a vangarda. As súas exposicións individuais son moi espaciadas, tanto en Galicia coma noutras cidades. Inimigo da biografía persoal, adoita negarse a dar calquera dato que se refira á súa persoa, convencido de que o artista interesa, non pola súa traxectoria vital senón pola súa obra.
Está representado no Museo de Castrelos, noutros de Galicia e mais en importantes coleccións institucionais.
A súa primeira expresión foi a madeira, limpa, recén saída do serradoiro. Con fragmentos paralelepipédicos ideaba as súas esculturas, cheas dun lirismo que conmove. Logo empregou o ferro,no que acusa influencias de Michavilla e, máis vagamente, de Chillida. Calquera obra deste artista, sutil, decantada, é monumental, aínda que o seu tamaño sexa reducido. Trapecios e rectángulos achéganse, tanxencias intersecciónanse, para seren composicións equilibradas, firmes e asemade aéreas, coma construccións que aínda se atopan na súa máis absoluta elementalidade. Estamos, sen dúbida, perante un dos artistas de camiño máis seguro da nova plástica galega, porque en Borrajo todo é razón, análise, anulación de canto non sexa imprescindible. Máis có eido pechado, a obra deste artista pide os espacios libres, a base natural dun prado para que as súas estructuras ascendentes, goticistas, aínda que por completo xeométricas, se enseñoreen do contorno e semella que o enche, o enlaga, que o condicionan desde as súas arestas calculadas coma as sílabas dun soneto perfecto.
Bibliografía
Ourense, Diputación provincial.
-Atlántica 83.
Compostela, 1983.
-I Mostra Unión Fenosa.
A coruña, 1989.
-VV. AA.: Diccionario de Pintores y Escultores Españoles de siglo XX. Vol. II.
Madrid, Forum Artis, 1994.