• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

SOFÍA AREAL

Areal, Sofía

( Lisboa, Portugal, 1960 )

Biografía

Sofía Areal naceu nunha familia de intelectuais, artistas e arquitectos, formouse no Hertfordshire College of Art and Design de Reino Unido e completou no seu país natal os seus estudos en gravado e pintura no Erasmus Ar.Co Centro de Arte e Comunicação Visual de Lisboa. A súa actividade expositiva comezou na década dos anos 80 e desde entón a súa participación nas mostras individuais e colectivas foi constante. A súa obra puido contemplarse no Centro Portugués de Luxemburgo, no Museo de Arte Contemporánea de Mudas (Madeira), na Casa Garden (Macao), no Museo de Arte Contemporánea de Funchal ou no Palacio Nacional da Pena (Sintra).

A obra desta autora consérvase en coleccións de institucións como a Fundación Calouste Gulbenkian (Lisboa), a Fundación Serralves (Oporto), a Colección Novo Banco, o Museo de Arte Contemporánea de Funchal ou a Fundación Carmona e Costa (Lisboa).

Areal compaxina a ilustración, o deseño téxtil e a escenografía coa súa faceta pictórica. Traballou diversas técnicas como o debuxo ou a colaxe para desenvolver un estilo abstracto no que combina planos saturados de cor, cun destacado compoñente xeométrico sobre os que se superpoñen trazos e manchas máis organicistas, que aluden á action-painting do expresionismo abstracto norteamericano. Nas súas composicións contrastan as zonas baleiras e outras máis charramangueiras, nas que concentra os diversos elementos. Este xogo trasládase tamén aos referentes espaciais, xa que a disposición dos elementos no soporte provoca que o espectador perciba esas composicións en dimensións case monumentais respecto ao tamaño que realmente teñen. Finalmente, cabe destacar que as gamas cromáticas intensas teñen un gran protagonismo nas súas creacións.

A obra Máxmylar (Em preto IV), realizada en 2000, deixa patente a forza plástica que transmiten as obras de Areal. Sobre un fondo indefinido no que predominan negros e grises, en primeiro plano irrompen grosos trazos aleatorios realizados en branco e un gran punto vermello que impactan e acaparan a ollada do espectador, ao mesmo tempo que transmite unha grande enerxía. Na forma de expresar as grafías e pinceladas observan os especialistas unha clara inspiración na técnica de Miró.

Bibliografía

Silva Melo, Jorge: Como se desde sempre e sempre, convalescente. Almada. Casa da Cerca, 2000.

Silva Melo, Jorge: Prometeu rascunhos. Lisboa, Edit. &, 1996.

López Adilia: O Peixe na Auga. Lisboa, Edit. &, 1993.

Pinharanda, Joâo: Os desastres de Sofía. Lisboa. Público, 1990.

Enlace páxina webd a artista: https://sofiaareal.com/

Obra

  • HÁXMYLAR (EM PRETO IV)

    HÁXMYLAR (EM PRETO IV) 2000

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78