• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

AMANDO

González González, Amando

( Vigo, 1951 )

Biografía

Amando González comezou a súa actividade artística na década dos anos 70 cando o Concello de Vigo organizaba as exposicións ao aire libre na praza da Princesa. Será neste período inicial cando realice numerosas viaxes por España e tamén por Europa, mostrando os seus traballos en Bélxica ou Suíza e configurando a súa propia linguaxe plástica con influencia expresionista e forte carga conceptual para evolucionar cara a un informalismo no que permanecen alusións figurativas, moitas veces inspiradas na natureza.

Amando mantivo unha constante participación en exposicións ao longo da súa carreira e exhibiu a súa obra a nivel individual e colectivo en cidades como Alacant, Pontevedra, Mojácar, Santiago de Compostela, Vigo ou Madrid, entre outras. Así mesmo, tamén colaborou como ilustrador con diversas publicacións, incluída a titulada Microfisuras. Cadernos de pensamento e creación, unha revista trimestral da que foi fundador e editor. O seu perfil polifacético, traballando diversas técnicas como a pintura, o gravado, a escultura ou a fotografía, complétase co seu labor de xestor cultural, exercido como comisario expositivo e como director de cursos sobre arte. A bolsa Cursos de Arte de Mojácar e o Premio Universidade de Santiago no Concurso de Ornamentación do Burgo foron dous dos galardóns que recoñecen a súa carreira.

A obra Memorial pertencente a esta colección recrea una retícula gris escura, que destaca sobre un fondo gris indeterminado máis claro, na que parecen flotar siluetas de flores realizadas en amarelo e negro. Unhas salpicaduras azul intenso achegan contraste cromático no ángulo dereito superior da composición. Neste lenzo obsérvase como a inspiración na natureza é unha constante na produción deste autor, na que a botánica, a variabilidade atmosférica, o ambiente rural ou as referencias á maternidade son habituais.

Compositivamente, esta obra lembra a titulada como Broadway, datada tamén en 1995, na que a retícula podería aludir ao urbanismo de Manhattan visto nun plano, no que a rúa do mesmo nome o cruza en diagonal. Cómpre destacar que o motivo da estrutura en rede repetirase ao longo da súa traxectoria en diferentes ocasións. Así mesmo, a data de realización desta pintura coincide coa participación de Amando en diversas mostras en Galicia e Madrid, como a colectiva que baixo o título de Medievo tivo lugar no pontevedrés Castelo de Soutomaior, nas que realizou diversas instalacións feitas en madeira con referencias á maternidade ou a habitáculos nos que desenvolver unha vida sinxela. De novo incide no vínculo cos elementos da natureza e no seu interese polo que o rodea de xeito que converte o cotián no seu campo de investigación.

 

Bibliografía

VV.AA.: Amando. Pontevedra, 1995.

Seoane, Xavier: Revisión dunha década. Santiago de Compostela, 1988.

Castro; Xosé Antón: Vexo Vigo. Concello. Vigo, 1984.

Enciclopedia Gallega. S. Cañada, edit. Gijón. 1973 e ss.

Obra

  • Sin título

    Sin título 1995

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78