• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

DARÍO ÁLVAREZ BASSO

Álvarez Basso, Darío

( Caracas, Venezuela, 1966 )

Biografía

Aínda que nacido en Caracas, Darío Álvarez Basso, de pai galego, trasladaríase a Vigo en 1969, onde medrará no seo dunha familia vinculada aos ambientes da literatura e da pintura. Desde neno mostrará o seu interese polo cómic, pola música rock e polo debuxo, o que o levará a mudarse a Madrid para comezar a carreira de Belas Artes. Malia que non consegue ingresar, proseguirá formándose nos obradoiros que se imparten no Círculo de Belas Artes e será na capital española onde estableza o seu estudio e comece a expoñer en 1985. Desde alí viaxará a Francia e Italia, onde pasará longas estancias e intercalará visitas a distintos lugares de África.

Unha bolsa Fullbright permítelle establecerse en Nova York en 1992, onde continúa coa súa carreira creativa e tamén formativa na New York School of Visual Arts. Coa súa traxectoria consolidada, regresará a Madrid e participará en numerosas mostras, sen deixar nunca de viaxar por todo o mundo, incluído o seu país natal a comezos dos 2000, onde aproveita para traballar illado na selva de xeito que establece un íntimo contacto coa natureza. O propio artista define as súas estancias internacionais como “un nomadismo vital a la búsqueda de mitos e historias ajenos a la mirada occidental. Es como construirte tu propio historial mítico que no te corresponde por origen”.

Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos galardóns, entre os que destaca o Premio Julián Trincado da VII Mostra Unión Fenosa, o IV Premio ABC de Pintura ou o primeiro premio do Salón de Outono de Pintura da Real Academia de Belas Artes de Galicia. Así mesmo, a súa obra forma parte de numerosas coleccións privadas, corporativas e institucionais a nivel internacional. A pintura de Darío Basso pódese enmarcar dentro da abstracción, que el mesmo define como “no pura”. Influído polas súas viaxes e polo contacto con outras culturas, son múltiples os artistas, correntes e estilos artísticos dos que toma inspiración, creando un estilo persoal bañado polo surrealismo ou polo conceptualismo abstracto.

A cor e a materia adquiren unha grande importancia na súa produción, facilitándolle establecer conexións coa natureza, interactuando con ela a xeito de elemento creador. Autores como Tàpies ou Millares inflúen na súa técnica e na forma na que concibe e aplica a materia, moitas veces extrapictórica, no soporte, servíndolle como espazo experimental. Investigador incansable, a xeografía, a arqueoloxía, a relixión ou a antropoloxía centran as súas inquietudes artísticas e xuntan nelas trazos de múltiples culturas.

Tres das obras presentes nesta colección, Sen título, Mater instrumentis e Galo fuxindo da pintura, enmárcanse na década dos anos 90, período de consolidación da carreira de Basso. As dúas primeiras, datadas en 1994 e 1995, coinciden coa súa estancia en Nova York e coa súa realización do Camiño de Santiago, respectivamente. Ambas de grandes dimensións, reflicten as características do seu estilo abstracto e matérico. A última mencionada, 1998, inclúese na serie Bharat Mata (Nai Natureza), nome dun templo que visita durante a súa viaxe á India.

A cuarta obra, dominada polo negro, dátase en 2003. Sería a finais de 2002 cando o naufraxio do petroleiro Prestige provocaría unha marea negra que contaminaría as costas galegas. Este suceso irrompería na obra de Basso, que afoga as superficies de traballo en grandes masas escuras. O título O bico do Leviatán alude ao “monstruo emergido del mar” no que se converteu a vertedura.

Bibliografía

ALGORITMI Dixit. Darío Basso, Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior (SEACEX), Madrid, 2008.

BONITO OLIVA, A.: Annibale contra Roma: la forma contro la potencia, Galería Triebold, Basilea, 1992.

CALVO SERRALLER, F.: Nocturno, Galería Machón, Madrid, 1988.

CASTRO, X. A.: D. Alvarez Basso, Círculo Bellas Artes, Madrid, 1989.

DARÍO Basso. Obra 1986-1999, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2000.

DARÍO Basso, Dirección General de Relaciones Culturales y Científicas, Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior (SEACEX), Madrid, 2004.

DARÍO Basso. Pintura en presente continuo, Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2007.

DARÍO Basso, materialeza, Museo de Pontevedra, Vigo, 2012.

Obra

  • Flowers to Andy

    Flowers to Andy 2001

  • Sin título

    Sin título 1994

  • Zen I, Zen II, Zen III

    Zen I, Zen II, Zen III 1998

  • Gallo huyendo de la pintura

    Gallo huyendo de la pintura 1998

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78