Imos a pola terceira edición do programa de microconcertos dirixido aos Centros de Educación Especial de Galicia. Unha proposta pola cultura e con sensibilidade social para achegar ao alumnado destes centros todos os beneficios e a emoción da música en directo. Será a partir do 28 de maio e ata finalizar o curso escolar.
A través de cancións e xogos, animamos os nenos e nenas a participaren activamente, podendo incluso tocar instrumentos ou obxectos sonoros coas súas propias mans.
ARTISTAS
Carlos Quintá
Unha actividade baseada na música tradicional galega, chea de novas cancións e apoiada en elementos escénicos e lúdicos. Todas as novas cancións e xogos propoñen a participación do público de diferentes maneiras, podendo tanxer os instrumentos, tocalos, collelos, sentir as vibracións de preto, e que se sintan produtoras e produtores de son. Este ano engadirase a zanfona, un instrumento fundamental no imaxinario da música galega.
As actividades desenvolveranse usando linguaxe inclusiva e non competitiva.
Carlos Quintá Cagide (Lalín, 1979). Diplomado en Maxisterio. Músico de vocación, violinista e acordeonista. Remata o itinerario de acordeón diatónico no Conservatorio de Música tradicional e Folque de Lalín. Profesor desde o 2010 ata a actualidade da aula de acordeón diatónico da E-Trad, escola de música tradicional e folk do concello de Vigo. Produtor, arranxista e músico do ensemble Linho do Cuco dende 2003 ata 2015, co que edita os discos Linho do cuco (2004), 3 (2007), As Alegrías (2010) e Viva Viva! (2013); e co que toca en directo na Bretaña, Francia, Portugal, Italia, etc. Membro de diferentes ensembles de música tradicional e moderna orientada ao baile, e colaborador en directo e en estudio de grupos coma Os Cempés, Motor Perkins ou Ataque Escampe Produtor e arranxista do disco Peixe, de Xisco Feijóo (2021). Membro, xunto a Luchi Iglesias, de Xogos do Paporrubio, compañía itinerante de monicreques, xogos populares e música, coa que representa os espectáculos Xogos do paporrubio (2014) e Varietés de Animalario (2020). Membro colaborador das compañías de teatro de monicreques Seisdedos, Viravolta e Fantoches Baj, coas que actúa en directo encargándose da parte musical. Con elas leva máis de 300 representacións de obras coma O galo Kiriko (2006), Cocer e cantar (2012), Contos do Tranvía (2011), Os romeiros do Caracol (2019).
Fundación Igual Arte
Unha tripla proposta, a escoller:
Agrupación musical De t@pas. Concerto de música tradicional, con novo repertorio, que combina xogos e interacción co público.
Agrupación musical Lavanda. Proposta musical partindo dos sons da infancia. Pezas coñecidas onde relacionaremos e xogaremos cos personaxes das mesmas. Teremos desde cancións do circo, de debuxos ata cancións infantís de sempre.
Música con Sentido. Unha proposta sensorial onde a música e o son se combinan para experimentar cos diferentes sentidos, onde as diferentes texturas e diferentes materiais serán ferramentas esenciais para traballar co auditivo.
A Fundación Igual Arte é un espazo activo onde se traballa a arte con persoas con capacidades diferentes, entendendo que a arte é un dereito que nos pertence a todas e todos, que leva parello a maxia de expresar, comunicar e transmitir.
Esta entidade sen ánimo de lucro nace no ano 2002, creada e formada por profesionais da educación e da arte. Declarada Fundación de Interese Galego pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, no ano 2010 recibiu o galardón ao Proxecto cultural máis innovador e vangardista que outorga a Deputación de Pontevedra polo seu labor levado a cabo no campo artístico e cultural con persoas con necesidades educativas especiais.
Pedro Campos Percuterapia. Musicoterapia
Un concerto onde o percusionista, cantante e musicoterapeuta Pedro Campos, ex integrante do recoñecido grupo cubano David Álvarez y Juego de manos e a Orquestra Galega Televisión de Galicia, entre outras agrupacións, crea un momento divertido, cheo de alegría, utilizando a percusión: batería virtual, bongós, timbais, maracas, etc.
A música e o baile serán a ponte de conexión coa rapazada. Unha actividade onde os diferentes instrumentos de percusión estarán ao alcance de cada nena e neno para os coñeceren e experimentaren con eles. A música será debidamente seleccionada, música alegre e actual que poden escoitar na casa, coche, festas, etc. e baile e animación, moderados e adaptados a cada grupo.
Pedro Campos está graduado na escola de Superación Profesional de Música Antonio Mella (A Habana). Mestrado en Deterioración Cognitiva e Mestrado en Neuropsicoloxía na Escola de posgrao de Medicina e Saúde pola Universidad Católica de Cuyo; Curso universitario de Musicoterapia na Universidad Rey Juan Carlos, experto en coaching , intelixencia emocional e pnl (Escola de intelixencia) e un curso de Estimulación cognitiva e prevención de deterioración cognitiva (Grupo Sinapsis - Miami).
Grupo de música tradicional De t@pas / Fundación Igualarte
Grupo de música tradicional De t@pas / Fundación Igualarte
A flor de pel
A flor de pel