Co gallo do Día da Infancia, desde Afundación convidámoste a participares dunha serie de espectáculos infantís para toda a familia. Terán lugar os días 18 e 19 de novembro, repartidos polos nosos diferentes espazos nas principais cidades galegas.
Para asistir á actividade, deberás coller en Ataquilla.com o teu convite de balde e colaborares coa nosa iniciativa solidaria Cultura por Alimentos ao asistires ao espectáculo, doando algúns alimentos non perecedoiros. Máis información embaixo.
¡ESTO ES ROCK!
Sede Afundación Pontevedra | 18 NOV | 18.00 h
CONVITES AQUÍ
Unha viaxe en familia pola historia da música popular. Iso é o que propoñen o xornalista Javier Becerra e a cantante Carolina Rubirosa en “¡Esto es rock!”. Trátase dun espectáculo con música en directo que expón un percorrido polos grandes mitos do rock en ton didáctico e desenfadado. Figuras tan míticas como Chuck Berry, The Beatles, The Supremes, Rolling Stones, Aretha Franklin, White Stripes son algunhas das que se invocarán desde o escenario.
Baseado no libro “¡Esto es rock!” (Hércules Ediciones), escrito por Javier Becerra e ilustrado por Catuxa Alonso, nel o seu autor narra os diferentes momentos da evolución musical, e Carolina Rubirosa dálle forma xunto a un segundo músico. O resultado é unha electrizante experiencia. Fará que nenas e nenos descubran esa música que cambiou o mundo e as e os maiores lembren por que a abrazaron totalmente na súa mocidade. Aquí os complexos quedan fóra: alá onde van Javier e Carolina, o recinto convértese nunha gran festa multicolor na que todo o mundo participa.
As e os pequenos berrarán como fans de The Beatles, farán o baile do pato como Chuck Berry e corearán os retrousos de mel de The Supremes. Este espectáculo recolle a testemuña de “¡Esto es pop!” co que a parella actuou en festivais, centros culturais e salas de concertos con grande éxito.
Sobre o libro “¡Esto es rock!”
Chuck Berry, The Supremes, Os Ramones, Amy Winehouse, Kiss, Janis Joplin, Iron Maiden ou Joan Jett son algúns dos artistas que desfilan polas páxinas de "¡Esto es rock!" e "Isto é rock!". Nel o xornalista musical Javier Becerra convida a descubrir a historia das cancións que revolucionaron a historia da música cos máis pequenos da casa. Editado por Hércules de Edicións, está dispoñible en galego e castelán.
Acompañado das espectaculares ilustracións de Catuxa Alonso, a publicación repasa anécdotas e curiosidades de 25 temas, desde Whole Lotta Shakin’ Goin’ On a Seven Nation Army, pasando por Born in the USA, Sweet Child of Mine, Heart of Glass ou My Generation. Así, a través das súas páxinas as nenas e nenos descubrirán o baile do pato, que foi a Tamla Motown, por que Pete Townsed esnaquizaba as súas guitarras no escenario e Angus Young vestía de colexial, que é o air guitar e como Janis Joplin e Joan Jett se situaron en primeira liña do rock nun escenario dominado polos homes.
AXENDA
Sede Afundación VIGO | ¡ESTO ES ROCK! | 18 NOV | 12.00 h - CONVITES
Sede Afundación PONTEVEDRA | ¡ESTO ES ROCK! | 18 NOV | 18.00 h - CONVITES
Sede Afundación FERROL | CABICIVAI | 18 NOV | 17.30 h - CONVITES
Sede Afundación LUGO | A VIAXE FELIZ DE RAMÓN SANFIZ | 18 NOV | 12.00 h - CONVITES
Sede Afundación COMPOSTELA | ESTRAFALARIA | 18 NOV | 12.00 h - CONVITES
Sede Afundación OURENSE | CADERNO DE CORES E CANCIÓNS | 18 NOV | 12.00 h - CONVITES
Sede Afundación A CORUÑA | ¡ESTO ES ROCK! | 19 NOV | 12.00 h - CONVITES
CULTURA POR ALIMENTOS
Coñeces o noso programa solidario? Accede a toda a información desde a nosa web para saber de todas as actividades culturais que podes realizar nos nosos recintos por un intercambio de alimentos non perecedoiros, destinados aos bancos de alimentos locais. Estas actividades polo Día da Infancia forman parte da iniciativa, polo que deberás deixar a túa doazón á entrada da Sede Afundación, no punto habilitado, cando accedas ao espectáculo. Grazas!
A ilusión compartida que nos move! Máis información
En colaboración con FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos.