Fernán Vello gaña o XIII Premio de Poesía Afundación
O XIII Premio de Poesía Afundación recoñece coa unanimidade do xurado a Miguel Anxo Fernán Vello polo seu traballo Duración da penumbra, presentado baixo o lema «Sombra do aire». Hoxe deuse a coñecer o gañador do premio de poesía máis emblemático de Galicia que, tras a deliberación do seu xurado, reunido na sede da fundación galega en Compostela, decidiu outorgar o galardón a este escritor de Cospeito, poeta, dramaturgo e editor.
O xurado, integrado por Luís González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia, como presidente do xurado; Óscar Xabier Castro Martínez, secretario; Inma López Silva, escritora; Manuel Guede Oliva, dramaturgo e poeta e Luciano Rodríguez Gómez, crítico literario, destaca na obra galardonada «a aposta polo dominio das formas e pola intensidade dos rexistros. O resultado- subliñan na acta do premio- é unha unidade compacta que consegue, con grande habelencia e talento, extraer da realidade máis crúa o lirismo máis elevado. O poeta trascende o seu propio ser a través da autenticidade da palabra, mergullando na escuridade para albiscar o horizonte luminiscente, todo o esplendor deste libro».
Así mesmo, o xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados nesta convocatoria, feito que evidencia a boa saúde da creatividade dos poetas galegos e que deixa constancia de que a poesía e a creatividade en lingua galega están a vivir un momento poderoso.
Na rolda de prensa posterior á deliberación do xurado, Luis González Tosar afirmou que «a poesía galega ten hoxe unha luminiscencia e destreza na palabra que nos satisface aos galegos e que é recoñecida fóra. Miguel Anxo Fernán Vello é un exemplo de autor consagrado pero o marabilloso hoxe é que conviven varias xeracións de poetas, os clásicos, os creadores dos 80 e 90 e os chamados neos». Pola súa banda, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, felicitou ao autor da obra gañadora polo recoñecemento que lle outorga «un dos certames máis destacados no panorama literario da nosa terra, no que o seu talento creador xa conta cun espazo propio». Anxo Lorenzo tamén destacou o labor desenvolvido polo xurado, «por afrontar con rigor e esixencia un traballo de escolma que nunca é doado» e felicitou ao Centro Pen e a Afundación por facer posible, co apoio do goberno galego, «un prestixioso premio que promove a creación poética e que contribúe a enriquecer a produción literaria galega e en galego». Na mesma liña, a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, destacou que a entidade «considera imprescindible e estratéxico para a cultura e a lingua galegas fomentar o coñecemento do xénero poético a través deste premio literario, que se acaba de enriquecer coa figura Miguel Anxo Fernán Vello. Con este obxectivo naceu o premio en 2002 e desde entón ten no seu haber unha ducia de poemarios de autores consagrados e noveis». Paloma Vela subliñou así mesmo o incremento no número de participantes na convocatoria, que este ano sumou 43 propostas, «un síntoma da boa saúde do galardón e da creación poética en Galicia en xeral», engadiu.
O PREMIADO
Nado en Cospeito (Lugo) en 1958, Miguel Anxo Fernán Belo é poeta, dramaturgo e editor (fundador de Edicións Espiral Maior). Ademais deste flamante XIII Premio de Poesía Afundación, foi galardoado, entre outros, cos premios Esquío, Xacobeo de Poesía da Xunta de Galicia, Martín Códax, Mellor Autor 2005 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio da Crítica Española nos anos 1985 e 2005 e finalista do Premio Nacional de Literatura en 1985, 1997 e 2005. Entre os seus títulos destacan Seivas de amor e tránsito, As certezas do clima, Memorial de brancura e Libro dás paisaxes vivas, obras que foron traducidas ao portugués, italiano, inglés, francés, alemán, árabe, chinés, polaco ou ruso. Fernán Vello representou, ademais, a Galicia e a España en diversos festivais internacionais de poesía.
O PREMIO
O galardón botou a andar no ano 2002 por iniciativa do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas ou Elías Portela, que foi o gañador da anterior convocatoria. O premio implica a publicación do libro na colección «Arte de Trobar» e unha dotación económica de 6000 euros.
A presente edición, a decimoterceira, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do premio, contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega e, sobre todo, estimula a creación literaria. Afundación e mais o Centro Pen de Galicia, tras trece anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan a traballar por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.