Exposición «Unha viaxe solidaria e creativa á vida». A Coruña
A raíz do programa Viaxe cara á vida da Fundación Terra de homes, que consiste en traer nenas e nenos africanos ao noso país para ser operados de graves doenzas, numerosos artistas galegos solidarizáronse creando a exposición colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa á vida», que se pode ver na Sede Afundación da Coruña, do 9 ao 25 de febreiro.
Cada unha das obras, creadas expresamente para a causa polos seus autores, será vendida ao prezo único de 150 €, recadación destinada integramente ao proxecto de Terra de homes. O día da inauguración, 9 de febreiro, serán reservados os cadros a adquirir.
Cando se cumpren 14 anos do inicio do programa Viaxe cara á vida en Galicia, xa foi posible que 97 nenos e nenas procedentes de países africanos fosen operados de graves enfermidades, de forma altruísta, polos equipos médicos de Galicia: Hospital Materno Infantil da Coruña, Grupo Hospitalario La Rosaleda de Santiago de Compostela e Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O proxecto contempla o traslado de nenos e nenas provenientes de diferentes países africanos con diversas patoloxías que deben ser intervidos con tecnoloxía punta, posteriormente son acollidos entre persoas voluntarias e familias de acollida e, xa curados, volven ao seu país de orixe.
Os artistas plásticos galegos únense para apoiar e dar continuidade a este proxecto a través da presente exposición, que estará tamén nas cidades de Santiago e Vigo. Buscan axudar e trasladar a toda a sociedade a súa visión sobre as desigualdades e as inxustizas que afectan aos máis vulnerables e para iso realizaron cadansúa obra cunha temática social, que pode verse e adquirirse na Sede Afundación da Coruña. A iniciativa quere homenaxear ademais o artista Celestino Poza, participante na mostra e falecido recentemente.
Artistas participantes
Alejo, Alfonso Costa, Alfredo Sarandeses, Amelia Secas, Ángeles Jorreto, Beatriz Clara, Bego Tojo, Carlos Pereira, Carlota Paz, Carmen Torreiro, Conchita Paz Montenegro, Chuca Garrote, Encarnación Díaz Martínez, Esther Piñán Oujo, Eva Verez, Francis Marrouch, Francisco Otero, Isabel Pintado, Joam Berride, José Luis Busto, José María de Urda, Luciene Manteiga, Luis Gabu, Luísa Paz Montenegro, Manuel Gandullo, Manuela Castro, Mar Sande, María Braxe, María Marta Pardo de Vera, Maribel Cabana, Miguel Camarero, Nanda Cabaleiro, Novais, Paco Ascón, Paloma Castroverde, Pedro Bueno, Pelayo López, Pilar Pastoriza, Ramiro Cimadevila, Rosa Guisán, Rosa Salanova, Sabela Baña Roibas, Sabela Roma, Soledad Penalta, Teresa Vior Sánchez Allande, Tino Poza, Victor Rey, Xulio García Rivas, Xurxo Lobato.
Horario
Luns a venres, 17.00 a 21.00 h. Domingos pechado.
Sábados e festivos, 12.00 a 14.00 h. e 17.00 a 21.00 h.
Entrada de balde.
Visitas concertadas e máis información no 628 367 030.