Visita guiada á mostra «Goya-Hellboy» da man do seu comisario, Asier Mensuro, na Sede Afundación da Coruña
Asier Mensuro, o historiador da arte, especialista en banda deseñada e comisario da mostra «Goya-Hellboy. Unha iconografía de monstros por Stéphane Levallois», exposta actualmente na Sede Afundación da Coruña, ofrecerá unha visita guiada o vindeiro mércores 14 de agosto, ás 12.00 h, coincidindo coa celebración do festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico. A asistencia é de balde, mais é preciso reservar praza neste formulario.
A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de agosto, de luns a sábados en horario de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.
«GOYA-HELLBOY. UNHA ICONOGRAFÍA DE MONSTROS POR STÉPHANE LEVALLOIS»
A mostra reúne 72 obras orixinais nas que o prestixioso debuxante francés Stéphane Levallois reflexiona e captura a iconografía do pintor e gravador español en creacións feitas a partir do universo do superheroe contemporáneo Hellboy. As persoas que a visiten tamén atoparán algunha das series máis destacadas dos gravados de Goya: «Os caprichos» e «Os disparates», procedentes da Colección de Arte Afundación, e dúas láminas cedidas e asinadas polo creador da saga Hellboy, o lendario autor de cómics estadounidense Mike Mignola.
Foi durante unha visita ao Museo do Prado no 2019 cando Stéphane Levallois quedou impresionado ao contemplar en persoa as pinturas de Goya. Da fascinación polas obras do xenio de Fuendetodos xorde o traballo que dá lugar a esta exposición. Nela, tamén pode verse un audiovisual con Levallois en pleno proceso creativo mentres visita o Prado e o tamén madrileño Museo Lázaro Galdiano.
Tal e como sinala o comisario da exposición, Asier Mensuro, «Goya-Hellboy» tende pontes «entre Goya, o gran creador de monstros e fantasía do século XIX, e Stéphane Levallois, o gran creador de monstros cinematográficos do século XXI».
Stéphane Levallois (París, 1970) é o responsable do deseño de personaxes e do universo creativo de películas como a saga de Harry Potter, Jurassic Park ou Piratas do Caribe. Autor de banda deseñada e artista conceptual de cinema, na súa vasta obra destacan, ademais, creacións feitas por encargos de institucións culturais como os museos parisienses do Louvre ou do Orsay. Para o primeiro creou o libro Leonard2Vinci. Para o segundo, a irreverente fábula Les disparues d’Orsay (Os desaparecidos de Orsay), unha atípica guía de visita ás obras expostas na institución parisiense.