
Víctor Arufe falará mañá en directo en Afundación TV sobre como «Educar na sociedade actual»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa o seu ciclo de conferencias «Educación século XXI». Mañá martes 3 de novembro ás 19.00 h, e en directo en Afundación TV, Víctor Arufe, Premio Educa ABANCA 2017 na categoría de Universidade, Premio Nacional SIMO EDUCACIÓN á Innovación e Gamificación Educativa, e autor do exitoso blogue Educación, Innovación y Emprendimiento, estará nesta nova edición de «Educación século XXI» co seu relatorio «Educar na sociedade Actual. Claves e estratexias para a boa educación dos nenos e as nenas». O formulario de inscrición pódese cumprimentar aquí.
Neste encontro, dirixido a familias, profesorado e toda a comunidade educativa en xeral, Víctor Arufe abordará dunha forma moi práctica, orixinal e nova a educación dos nenos e nenas. A través dunha charla divulgativa expoñerá de forma moi sinxela as bases que deben primar na educación durante a infancia e adolescencia. Así, explicará en que consiste o método de educar por escenarios, analizando os diferentes axentes que participan na educación dos nenos e escenarios onde interactúan no seu día a día. Dun modo didáctico, Arufe presentará diferentes estratexias para traballar tanto no ámbito familiar como no escolar, buscando potenciar os valores, atender aos aspectos psicolóxicos e psicosociais das nenas e nenos e outras esferas do seu capital humano que son de vital importancia para o seu desenvolvemento integral.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Víctor Arufe
Víctor Arufe, natural de Santiago de Compostela, é profesor na Facultade de Educación, onde se dirixe aos futuros docentes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Autor do exitoso Blogue Educación, Innovación e Emprendemento http://www.victorarufe.es, con máis de 700.000 visitas anuais, foi galardoado co Premio EDUCA ABANCA Mellor Docente de España 2017 categoría universidade e o Premio Nacional SIMO EDUCACIÓN á Innovación e Gamificación Educativa.
É editor xefe da Revista Científica Sportis dedicada á Educación Física, Psicomotricidade e Deporte en idade escolar e director da Unidade de Investigación do Deporte Escolar, Educación Física e Psicomotricidade. Impartiu máis de 60 conferencias en España e escrito numerosos artigos técnicos-científicos vinculados á educación e a educación física e publicou distintos libros sobre este ámbito, o último A Educación por Escenarios. Nenos educados 24 horas ao día 365 días ao ano. Colabora así mesmo como articulista en diversos medios de comunicación nacionais e internacionais. Víctor Arufe, que aposta polo cambio social desde o traballo da boa educación nos fogares, considera que a educación é a base do benestar emocional e social da poboación. Así, confía no cambio educativo, o traballo e esforzo das familias para a construción dos futuros adultos.
«Educación século XXI»
«Educación século XXI» continuará o próximo 12 de novembro cun ciclo dedicado aos trastornos da aprendizaxe que impartirá a prestixiosa doutora Anna Sans Fitó, experta en neuroloxía pediátrica, diagnóstico e tratamento precoz dos trastornos da aprendizaxe, que se estenderá ata o 3 de decembro. Así, o 12 de novembro o ciclo arrincará coa «Introdución aos trastornos da aprendizaxe: dislexia e discalculia»; o 19 de novembro Anna Sans abordará «A hiperactividade e o déficit de atención»; o 26 de novembro os «Trastornos das funcións motoras e visioespaciales» e o 3 de decembro será unha sesión construída á carta, en función dos contidos sobre os que o público exprese o seu interese e traslade a Afundación durante a primeira semana de emisión deste ciclo, fomentando así o seu carácter interactivo e participativo.
«Educación século XXI» presenta esta nova edición con novos relatores e temas, consolidando esta firme aposta da entidade pola difusión de modelos formativos diversos, en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais, e, nesta ocasión, a través de Afundación TV, a nova canle da Obra Social de ABANCA para a difusión de eventos en directo que permiten, así mesmo, a interacción entre público e relatores. Con iniciativas como esta, Afundación procura ofrecer foros de intercambio de coñecemento que apelen ao conxunto da comunidade educativa, incluíndo tanto a docentes, como a nais e pais.