Os participantes nas vacacións de verán de Special Olympics Galicia gozan dun concerto en directo de Pedro Campos
O programa «Música a flor de pel» de Afundación, a Obra Social de ABANCA, levou esta mañá unha proposta de música en directo aos campamentos de verán de Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. O percusionista, cantante e musicoterapeuta actuou diante de máis de 90 participantes que bailaron e cantaron ao seu ritmo na Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra. Trátanse de micro-concertos participativos nos que os rapaces e rapazas poden coñecer e experimentar cos instrumentos. Unha aposta pola cultura con sensibilidade social para achegar todos os beneficios e emoción da música en directo.
Foi unha das actividades incluídas no programa de vacacións para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento de Special Olympics Galicia, que ofrece unha ampla oferta de actividades co obxectivo de propiciar a súa inclusión e dar visibilidade a este colectivo, así como garantir que gocen das súas vacacións estivais nas mesmas condicións que o resto da sociedade. Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia; Carlota Sánchez-Montaña, coordinadora adxunta da Área de Educación de Afundación; e Óscar Álvarez, coordinador da Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra fixeron balance da experiencia deste ano na que participaron preto de 400 persoas, pertencentes a 16 entidades de toda Galicia.
Comezou o pasado mes de xullo e conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.
Con estas estancias Special Olympics Galicia pretende cumprir a súa misión, en palabras do seu presidente, Eladio Fernández, «contribuíndo a que todo o mundo teña dereito ao tempo libre e ao lecer, sexan cales sexan as súas necesidades, como moi ben soubo ver Afundación. E seguimos mantendo a ilusión, visibilizando a discapacidade, e a capacidade, na sociedade e nas institucións, e sabendo que temos aínda moitos retos por diante».
SPECIAL OLYMPICS GALICIA
Special Olympics Galicia é a Asociación de Pais, Profesionais e Familias a favor da promoción do tempo libre e o deporte para persoas con discapacidade intelectual. A súa misión é proporcionar todo tipo de actividades de lecer, deporte, cultura e de dinamización do voluntariado, co fin de mellorar as condicións físicas e psíquicas das persoas con discapacidade intelectual.
O seu obxectivo é promover a inclusión social de persoas con discapacidade intelectual mediante a cultura, a práctica deportiva e o lecer dando a oportunidade a todas as persoas participantes a gozar das súas vacacións en igualdade de condicións ao resto de cidadáns.