Un outono de exposicións en Afundación, a Obra Social de ABANCA
25.08.2021. Afundación, a Obra Social de ABANCA, dará comezo no outono a un novo ciclo expositivo nas súas salas galegas. A repercusión dos novos talentos, a relación entre cómic e arte, os océanos e o medio ambiente, o mundo intelectual de Díaz Pardo ou o papel das mulleres na historia da arte son algunhas das temáticas en torno ás cales xiran as mostras que se inaugurarán a partir de setembro.
A programación expositiva presencial, nas Salas de Afundación, verase complementada cunha programación online orientada a reforzar algunhas mensaxes, abordalos desde diferentes perspectivas e facelos máis accesibles a públicos diversos.
As imaxes están dispoñibles aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/17NQyQ6JaSVcjO2dS0XHSdVo3O1h2f0cK?usp=sharing
«As miradas de Isaac»
«As miradas de Isaac», organizada pola Xunta de Galicia en colaboración con Afundación, é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo logo do seu falecemento (5 de xaneiro de 2012), e chega a Vigo no marco do centenario do seu nacemento (1920-2020) co obxecto de situar como merece na historia de Galicia ao responsable de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. Comisariada polos seus fillos Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, a mostra, que conta con máis de 500 obras de arte, cerámicas, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais, pretende reconstruír a vida de entrega a Galicia desde a pintura, a cerámica, o deseño, a escritura e a iniciativa empresarial deste personaxe irrepetible.
Desde o 24 de setembro ao 28 de novembro na Sede Afundación de Vigo.
«Xuventude Crea, máis dunha década»
O ano 2021 é a 14.ª edición do certame Xuventude Crea, que convoca a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e que ten como finalidade fomentar a creación contemporánea en diferentes formatos, soportes e expresións. Trátase dun certame, e dunha mostra con 29 pezas premiadas, de carácter multidisciplinar: deseño de moda, graffiti, banda deseñada, pintura, escultura, fotografía ou deseño de xoiería, da man da creación contemporánea galega.
Desde o 9 de setembro ao 9 de outubro na Sala de Exposicións do Café Moderno Afundación.
«A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego»
«A vida lenta» presenta un percorrido audiovisual e sensorial pola diversidade dos territorios rurais de Galicia a través duns fondos que nos levan desde 1930 ata finais do século XX, unha banda sonora especialmente creada para a ocasión e unha selección poética cos que reflectir sobre o pasado recente e o futuro das aldeas galegas, debater sobre o ritmo de vida actual, a sostibilidade do medio, a nosa relación cos ciclos naturais ou o imaxinario do rural.
A partir do 21 de outubro na Sala de Exposicións do Café Moderno Afundación.
«Sacrificio e ascensión. 15 anos de cómics de David Rubín»
A primeira gran exposición deste autor que percorre, con espírito antolóxico, as diferentes etapas, influencias e series desta gran figura da ilustración, partindo dos seus primeiros traballos en Galicia para acabar cos últimos no esixente mercado americano. David Rubín, nacido en Ourense, ten un forte arraigamento na cidade da Coruña onde desenvolveu unha parte moi importante do seu traballo. É un dos historietistas españois máis recoñecidos nos últimos anos, é cofundador do colectivo Polaqia, formado por historietistas de Galicia e recoñecido con varias candidaturas aos prestixiosos premios Eisner. Desde uns duros comezos en que o cómic era unha paixón, máis que un traballo, ata o momento actual, en que deveu nun dos creadores máis solicitados do panorama internacional, esta é a exposición máis extensa, completa e ambiciosa das realizadas sobre este autor, con máis de 230 obras, en que se reflicten todos os seus fitos creativos.
Do 14 de outubro ao 29 de xaneiro na Sede Afundación A Coruña.
«Mirar de novo, a muller contra o tempo»
«Mirar de novo. A muller contra o tempo» constitúe unha proposta de reformulación da tradicional mirada ao canon da historia da arte, centrando o foco en creadoras que, contrariamente á tradicional exclusión das mulleres, si obtiveron recoñecemento amplo polo seu traballo. Nesta ocasión, e cumprindo cun dos eixes estratéxicos de Afundación a favor da difusión da cultura e do coñecemento, propoñemos un novo enfoque que permita facernos conscientes da creación en feminino, tan frecuentemente ignorada, no panorama artístico desde finais do século XIX ata finais do século XX.
Ata o 7 de xaneiro no Centro Obra Social ABANCA en Santiago de Compostela.
«Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago. Impresos do barroco compostelán»
O fenómeno xacobeo, así como a proxección das peregrinacións ao santuario apostólico, non se pode entender sen abordar a significación das imaxes e textos propagadores do seu culto e memoria. Neste contexto, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, sumar, dentro do seu programa expositivo, ao programa cultural e actos programados no Ano Santo 2021, con esta exposición. Esta iniciativa, concibida desde unha base fundamentalmente divulgativa, propón unha renovada visión da figura do Apóstolo Santiago a partir dunha selección de impresos, con presenza de estampas xacobeas, que viron a luz nas imprentas compostelás nos séculos XVII e XVIII.
A partir do mes de setembro na Sala de Exposicións Afundación en Ourense.
«Galicia a un paso de ti»
«Galicia a un paso de ti», producida por Turismo de Galicia, é unha exaltación do territorio galego e o seu extraordinario poder de atracción, dunha terra única e privilexiada. A mostra detense, primeiro, na natureza: as instantáneas do fotógrafo Adolfo Enríquez mostran as súas espléndidas praias, a Galicia interior que bañan mil ríos, o seu hábitat privilexiado, os seus seis parques naturais, o Parque Nacional das Illas Atlánticas... E continúa despois mostrando a súa historia, o Camiño de Santiago e a zona histórica de Compostela, a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules, declarados todos eles pola UNESCO «Patrimonio da humanidade» e outros moitos recunchos emblemáticos, os seus costumes, as súas festas ou a súa gastronomía, conservados ao longo dos séculos, nunha simbiose perfecta de tradición e modernidade.
Do 7 de setembro ao 16 de outubro na Sede Afundación Lugo.
«O noso planeta»
A Obra Social de ABANCA, en colaboración con Planeta e Netflix levan á Sala de exposicións da Sede Afundación en Ferrol unha exposición que foi creada pola entidade galega en primicia mundial: a exposición «O noso planeta». Esta mostra, reflexo do compromiso de Afundación coa sostibilidade e a protección do medio ambiente, está inspirada na recoñecida serie homónima producida por Netflix e que bate todos os récords de audiencia da súa programación, superando calquera serie ou película da súa carteleira. Unha exposición con imaxes sorprendentes, elementos audiovisuais e unha mensaxe imprescindible.
A partir do mes de outubro na Sede Afundación Ferrol.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.