
Últimos días para visitar en Xinzo a exposición de Afundación e ABANCA «Auga. O sangue da terra»
23.11.2020. A Casa da Cultura e da Xuventude de Xinzo acollerá ata o próximo 29 de novembro a exposición fotográfica «Auga. Ou sangue da terra», de Manuel Valcárcel. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Xinzo de Limia, ABANCA e Afundación, institucións que estiveron presentes hoxe ás 13.00 h nunha visita institucional á que asistiron a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación para Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano. A exposición, de entrada libre e gratuíta pode visitarse de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 h.
Esta proposta é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A EXPOSICIÓN «AUGA. O SANGUE DA TERRA»
«Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.
«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.
«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.
As imaxes están disponibles en:
https://drive.google.com/drive/folders/1drlBvgfYSYumc20vv5xVhiGSY3Ja15UG?usp=sharing
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.