Últimos días para visitar na Sede Afundación a exposición «Pontevedra no tempo»
«Pontevedra no tempo», a derradeira mostra do proxecto «Cidades no tempo», organizado pola Fundación Cidade da Cultura e Afundación, a Obra Social de ABANCA, iniciado no ano 2022 co obxectivo de reivindicar a identidade urbana de Galicia, poderase visitar ata o próximo 14 de setembro na Sede Afundación de Pontevedra, de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 h.
A través dun cento de obxectos físicos e máis de 120 pezas dixitais, a mostra retrata a conciencia desta cidade construída na confluencia de diferentes mundos. A súa privilexiada situación, á beira dun río e no inicio dunha ría, xa lle outorgou a Pontevedra desde a súa orixe unha natureza binomial que, co devir dos séculos, enriqueceu a súa identidade. Porque, máis aló da dualidade rural-urbano na que creceron as cidades galegas, Pontevedra permítese ser vila e capital á vez, conserva un pasado marítimo e mariñeiro e outro rural que explica o seu futuro como centro administrativo, pero tamén como praza fronteiriza.
Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora, divulgadora e cronista Milagros Bará. Colaboran tamén de forma esencial institucións da cidade como o Museo de Pontevedra e o Concello, ademais de coleccións privadas e entidades do exterior.