Últimos días para gozar dos proxectos expositivos de Afundación, un dos grandes atractivos culturais do verán na Coruña
«Goya-Hellboy. Unha iconografía de monstros por Stéphane Levallois» e «A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia» son as dúas mostras que actualmente acolle a Sede Afundación da Coruña e polas que pasaron máis de 11 100 visitantes desde a súa apertura, a primeira o 3 de xullo e a segunda o 13 de xuño. Esta é a materialización da aposta pola cultura de Afundación, a Obra Social de ABANCA, que reflicte, ademais, o principio vertebrador da actividade programada desde a Área de Cultura da entidade: dinamización do recoñecemento ao talento local e potenciación de propostas con solvencia internacional.
Ambas as dúas exposicións poderanse visitar ata o vindeiro 31 de agosto, de luns a sábado, en horario de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.
«GOYA-HELLBOY. UNHA ICONOGRAFÍA DE MONSTROS POR STÉPHANE LEVALLOIS»
A mostra reúne 72 obras orixinais nas que o prestixioso debuxante francés Stéphane Levallois reflexiona e captura a iconografía do pintor e gravador español en creacións feitas a partir do universo do superheroe contemporáneo Hellboy. As persoas que a visiten tamén atoparán algunha das series máis destacadas dos gravados de Goya: «Os caprichos» e «Os disparates», procedentes da Colección de Arte Afundación, e dúas láminas cedidas e asinadas polo creador da saga Hellboy, o lendario autor de cómics estadounidense Mike Mignola.
Durante unha visita ao Museo do Prado no 2019, Stéphane Levallois quedou impresionado ao contemplar en persoa as pinturas de Goya. Da fascinación polas obras do xenio de Fuendetodos xorde o traballo que dá lugar a esta exposición. Nela, tamén pode verse un audiovisual con Levallois en pleno proceso creativo mentres visita o Prado e o tamén madrileño Museo Lázaro Galdiano.
Tal e como sinala o comisario da exposición, Asier Mensuro, «Goya-Hellboy» tende pontes «entre Goya, o gran creador de monstros e fantasía do século XIX, e Stéphane Levallois, o gran creador de monstros cinematográficos do século XXI», responsable, por exemplo, do deseño de personaxes e do universo creativo de películas como a saga de Harry Potter, Jurassic Park ou Piratas do Caribe. Autor de banda deseñada e artista conceptual de cinema, na súa vasta traxectoria destacan, ademais, creacións feitas por encargos de institucións culturais como os museos parisienses do Louvre ou do Orsay. Para o primeiro creou o libro Leonard2Vinci; para o segundo, a irreverente fábula Les disparues d’Orsay (Os desaparecidos de Orsay), unha atípica guía de visita ás obras expostas na institución parisiense.
En Afundación TV, a plataforma dixital de contidos de Afundación, pode verse a entrevista que Stéphane Levallois concedeu a Obra Social de ABANCA.
«A NOSA ARTE. COLECCIÓN DO PARLAMENTO DE GALICIA»
Trátase dunha selección de 40 pezas das 300 obras de arte galega que conforman a Colección do Parlamento, unha memoria viva das diferentes etapas históricas que, ao longo dos últimos cen anos, determinaron as tendencias artísticas adoptadas en Galicia.
Esta mostra, na que colaboran tamén a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes, caracterízase pola súa vocación de difusión entre a cidadanía galega. Deste xeito, a Sede de Afundación da Coruña é a sexta das itinerancias dun proxecto que está a percorrer todas as sedes da Obra Social de ABANCA en Galicia, incorporando, ademais, en cada localidade, algunhas das pezas das creadoras e creadores máis emblemáticos desa zona en particular.