Últimos días de «A nosa arte», a mostra que o Parlamento de Galicia expón na Sede Afundación da Coruña
Últimos días da exposición «A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia» na Sede Afundación da Coruña. Continuará aberta ao público ata o vindeiro 31 de agosto, de luns a sábados en horario de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h. Ademais, mañá xoves 8 de agosto, ás 12.00 h, terá lugar a derradeira das visitas guiadas. A asistencia é de balde, previa inscrición neste formulario. Está enmarcada na iniciativa solidaria «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) que leva produtos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Podes participar aportando a túa doazón cando asistas á visita guiada.
«A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia» é unha escolma de 40 pezas das 300 obras de arte galego que conforman a Colección do Parlamento, unha memoria viva das diferentes etapas históricas que, ao longo dos últimos cen anos, determinaron as tendencias artísticas adoptadas en Galicia. Esta mostra, na que colaboran tamén a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes, caracterízase pola súa vocación de difusión entre a cidadanía galega. Deste xeito, a Sede de Afundación da Coruña é a sexta das itinerancias dun proxecto que está a percorrer todas as sedes da Obra Social de ABANCA en Galicia, incorporando, ademais, en cada localidade, algunhas das pezas das creadoras e creadores máis emblemáticos desa zona en particular.
Está comisariada pola Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos, María Victoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez.