Máis de 13.000 persoas visitaron a mostra «Comedy Wildlife», que entra nos seus derradeiros días no Teatro Afundación de Vigo
Derradeiros días para poder gozar da exposición «Comedy Wildlife», a última proposta expositiva en Vigo de Afundación, a Obra Social de ABANCA, que levan visitado máis de 13.000 persoas. 60 fotografías compoñen esta mostra homónima ao certame de fotografía do que nace. Foron realizadas en distintos rincóns de todos os continentes e todas elas resultaron distinguidas entre 2015 e 2022 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor no mundo.
«Comedy Wildlife» móstrase agora na Sala de Exposicións do Teatro Afundación de Vigo grazas á colaboración entre Afundación e Terra espléndida, tras encher en 2023 museos e centros de exposicións de Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá.
Estará aberta ao público ata o vindeiro 27 de abril, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.
«Comedy Wildlife» forma parte así mesmo do programa «Cultura por alimentos» de Afundación. Os visitantes poderán levar alimentos non perecedoiros e depositalos na propia sala de exposicións para a súa distribución aos bancos de alimentos locais a través da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).
A concienciación sobre o medio ambiente, base da programación de Afundación
Sobre a base do seu compromiso coa implicación social e o coidado do medio ambiente, a Obra Social de ABANCA presenta esta nova proposta expositiva no marco dunha programación variada, dinámica e innovadora para todos os públicos e de amplo alcance xeográfico. Así, ademais de realizar accións directas de voluntariado ambiental como o programa PLANCTON que permitiu, desde o seu inicio hai 3 anos, a retirada de máis de 52 toneladas de residuos en areais e costas, Afundación recibe cada ano máis de 8000 visitantes en Naturnova, o Centro de Educación Medioambiental de Vigo. A través destas, e outras propostas, o obxectivo é promover na sociedade maneiras de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras.
Evitar as mensaxes e as imaxes «deprimentes»
Asegura o cofundador dos premios «The Comedy Wildlife», o tamén fotógrafo especializado en natureza Paul Joynson Hicks, que «as cuestións de conservación e sostibilidade da vida silvestre están gañando impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes. E por iso se animou, xunto cos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood, a crear estes galardóns. Desde 2015 premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo extraordinariamente fermoso e interconectado».
«Comedy Wildlife» é unha exposición que cautiva toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar ao público co encanto do reino animal. As imaxes son extremadamente populares, atraen todas as idades e transcenden todas as culturas e idiomas. Así, as 60 instantáneas seleccionadas que se presentan en Vigo mostran, nas posicións e momentos máis divertidos, animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns ou píllaras.
«Unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión, ou tabús que deben ser negociados. A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo que está ben documentado como unha dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente aos animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles como concidadáns do mesmo planeta», subliña Paloma Vela, coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación.