Últimos días da mostra «O gardarroupa da música» coa colección de vestidos da cantante lírica Teresa Berganza en Afundación
Últimos días da exposición «O gardarroupa da música», o proxecto que amosa a colección de vestidos que a cantante lírica Teresa Berganza luciu sobre os escenarios entre 1950 e 2010. Poderase visitar na Sede Afundación de Santiago de Compostela ata o vindeiro 17 de agosto, de luns a sábados en horario de 12.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h.
Producida pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, e comisariada por Román Padín, inclúe creacións dos mellores modistos do mundo da súa época: Pierre Cardin, Loris Azzaro, Enrique Caruncho, Christian Lacroix… Un total de 24 deses vestidos de quen, no seu día, foi considerada «a mezzosoprano do século».
Tamén poden verse diferentes vídeos e unha selección de creacións artísticas inspiradas nas vestimentas que usaba nos seus concertos. E é que os vestidos de Teresa Berganza influíron tanto no público como en artistas plásticos. Son parte da mostra, por exemplo, debuxos realizados polo mestre da pintura Rafael Cidoncha a partir das vestimentas da mezzosoprano, ou deseños de Pablo Pérez Sanmartín que recrean a Berganza interpretando o papel de Rosina en O barbeiro de Sevilla. Tamén se inclúen vídeos e fotografías de Joel Blanco, debuxos do arquitecto Alberto Fuentes Valcárcel ou un pano de seda deseñado por Sandra Parguiña, á parte de escenas líricas e dos vestidos da cantante.
Teresa Berganza (1933-2022) foi considerada unha das mellores voces líricas da súa época en todo o mundo. Durante décadas cantou sobre os mellores escenarios e coas mellores formacións orquestrais do planeta. Nos anos noventa, e grazas ás súas colaboracións co director de orquestra Maximino Zumalave, construíu unha relación especial co público galego da música lírica.