UIE clausurou hoxe a sexta edición do seu programa DARI que une China con España en Galicia
A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) clausurou a sexta edición do seu Diploma Avanzado en Relacións Internacionais, DARI, o primeiro programa español de negocios internacionais de carácter intercultural que se imparte en Galicia no ámbito universitario. A cerimonia institucional de entrega de diplomas tivo lugar esta mañá na Sede Afundación Pontevedra e contou coa presenza dos 16 estudantes da UIBE e UIE participantes nesta edición, en cuxa representación interviron Di Jiayu, estudante da UIBE, e Antonio Pérez Boo, estudante da UIE. Tamén asistiron como representantes institucionais o director executivo da UIBE Business School, Wang Tiedong, e Begoña Jamardo, coordinadora de Relacións Internacionais da UIE, así como representantes das empresas colaboradoras do Plan China da UIE coma Lois Fernández Meijide de Pesciro, e Sabela Cidrás de El Nogal.
Desde o 15 de xullo, 13 estudantes chineses procedentes da UIBE, a universidade líder de Economía e Comercio Internacional de Beijing, e 3 estudantes da UIE, a Universidad Intercontinental de la Empresa, participaron nesta experiencia que combina a formación no ámbito empresarial co desenvolvemento de proxectos en equipos multiculturais, as visitas a compañías e institucións galegas e a realización de actividades turísticas e de lecer para coñecer Galicia desde unha perspectiva máis amena e diferente.
Previamente á entrega de diplomas, Dei Jiayu, estudante da UIBE, resaltou «Levaremos connosco os coñecementos, experiencias e amizades adquiridos aquí para seguir esforzándonos no noso camiño futuro. Non só perseguiremos a excelencia académica, senón que tamén contribuiremos á misión de promover un maior intercambio cultural entre China e España».
Pola súa banda, Antonio Pérez Boo, estudante da UIE, remarcou que o DARI é moito máis ca unha aprendizaxe de comercio internacional: «Escollín cursar o programa DARI por tres razóns principalmente. A primeira, a oportunidade de aprender comercio internacional; a segunda, poder colaborar con empresas; e a terceira, coñecer tan marabillosos compañeiros. Esta experiencia, sen dúbida, axudoume a romper estereotipos acerca de Asia e, sobre todo, a adquirir experiencia e habilidades multiculturais».
A cerimonia contou coa representación institucional de Wang Tiedong, director executivo da UIBE Business School, que ostenta a tripla coroa de excelencia e se sitúa entre as 10 mellores universidades de China pola súa calidade e alta empregabilidade dos seus graduados. Tiedong subliñou a importancia de experiencias como esta, que significan un paso máis alá no coñecemento da globalidade da comprensión. Así, trasladou aos estudantes que, desde a súa perspectiva, este curso poderíase condensar en tres palabras «vacacións, cultural de e de aprendizaxe no sentido máis amplo; colaboración, fomentada polo traballo en equipo e as visitas conxuntas a empresas; e innovación, presente nas comparativas e novas propostas resultantes dos esforzos dos dous países». O profesor Tiedong destacou a posición estratéxica de España tanto na Unión Europea, como de fronte ao acceso ao mercado de Latinoamérica ou o estadounidense, tendo en conta da relevancia crecente da lingua española nese país.
Pola súa banda, Begoña Jamardo, coordinadora de Relacións Internacionais da UIE tras subliñar a gran alianza consolidada entre UIBE e UIE, agradeceu ás empresas que confiaron aos estudantes participantes os seus proxectos de internacionalización de produtos de Galicia cara a China.
Destacou que o DARI é un programa real, non unicamente académico, que permite que haxa máis coñecemento entre dúas culturas tan distintas e iso só se consegue compartindo experiencias e ampliando os coñecementos mutuos. Resaltou, tamén, todo o que une a Galicia e China a través, por exemplo, da simboloxía da gran muralla chinesa e da muralla de Lugo. «Á mocidade participante trasládolle que é fundamental para que o vínculo entre Galicia e China siga crecendo e que se convirtan nesses profesionais que faciliten ese impulso nas empresas. Sodes os mellores embaixadores».
As imaxes están dispoñibles nesta ligazón.
O DARI é unha acción formativa encadrada no Plan China da UIE, cuxo obxectivo principal é o de apoiar as empresas galegas na súa entrada e posicionamento no mercado chinés, proporcionándolles profesionais dese país multilingües con formación empresarial, así como o de promocionar o sector turístico galego en China.
Ademais do programa que conclúe hoxe, tamén se desenvolveu a segunda edición do DARI 2, unha modalidade inmersiva na que se combina a formación teórica coas prácticas en empresas e que nesta segunda edición contou coa participación de tres estudantes egresados, cos expedientes máis sobresalientes, do Mestrado de Relacións Internacionais da UIBE.
A UIE e a University of International Business and Economics de China (UIBE) desenvolven unha estreita colaboración académica desde o primeiro convenio subscrito entre ambas as entidades en 2016. En xuño deste ano ambas as universidades puxeron en marcha un novo programa de formación executiva, o primeiro que impulsa unha universidade galega en China, coa participación de 18 profesionais de empresas como Televés, Grupo Cortizo, ABANCA, Grupo Pescapuerta, Applus, SoftwareOne, Cofano ou Acciona. Ademais, ambas as institucións académicas continuarán desenvolvendo novos proxectos no país asiático, entre os que destaca o intercambio semanal de estudantes de grao en Sistemas Intelixentes da UIE co grao da Facultade de Intelixencia Artificial da UIBE, a primeira deste ámbito en China.
Fundada en Beijing en 1951 e con máis de 16.000 estudantes anuais, entre os que se atopan 3200 estranxeiros procedentes de máis de 130 países, a UIBE é pioneira e líder pola súa especialización no ámbito empresarial e figura entre as 10 mellores das 2800 universidades do país pola súa calidade e a alta empregabilidade dos seus graduados.