
María Galiana interpreta a unha nai maltratadora en A raíña de beleza de Leenane, dentro da Tempada de Abono do Teatro Afundació
Unha relación moi tóxica entre unha nai e a súa filla. Ambas conviven na casa familiar dun outeiro no noroeste de Irlanda, a filla coma coidadora. A difícil situación entre ambas complícase aínda máis cando as visitan os irmáns Pato e Ray Dooley. A filla, Maureen, inicia unha relación cun deles. E todo empeora. É a trama de A raíña de beleza de Leenane, a nova cita coa Tempada de Abonos de Teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo. A obra, protagonizada polas actrices María Galiana e Lucía Quintana, chega ao Teatro Afundación o mércores 20 de febreiro. As persoas que non teñan abono pero queiran asistir poden facelo adquirindo algunha das últimas entradas dispoñibles en Ataquilla.com.
O espectáculo, con dirección de Juan Echanove, estrouse en Madrid en xuño do pasado ano. A proposta a partir do texto de MacConagh mereceu un amplo éxito de crítica e público. A raíña de beleza de Leenane é a obra que lle serviu ao dramaturgo e cineasta británico-irlandés Martin MacConagh (1970) para darse a coñecer no panorama británico da escena cando tiña 26 anos. Dende entón comezou unha carreira na que combina teatro e cinema.
Canda María Galiana e Lucía Quintero forman parte do elenco os actores Javier Mora e Alberto Fraga. Interpretan aos irmáns Dooley. A súa chegada, por uns días, á casa de Leenane, estará relacionada con feitos que levan a un desenlace violento dentro dunha relación materno-filial cun longo historial de problemas anteriores.
Continúa a Tempada de Abonos de Teatro
A raíña de beleza de Leenane é o terceiro dos espectáculos programados pola Tempada de Abonos de Teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo dende o mes de xaneiro.
As representacións continuarán co monólogo Una madre de película, con Toni Acosta (9 de marzo); a adaptación teatral de La Regenta proposta pola directora Helena Pimenta (10 de abril); e Malditos tacones (29 de maio), dirixida por Ignacio Amestoy. Completa a programación da Tempada de Abonos do Teatro Afundación dedicada ás artes escénicas a satírica visión da vida de Juan Carlos I e dos últimos 50 anos de España que Els Joglars expoñen en El Rey que fue (5 de xuño).
A Tempada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes ás obras teatrais poderán colaborar depositando produtos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión da Vigo e a súa área de influencia.