Continúa en Vigo a Tempada de Teatro de Afundación coa comedia 'Toc toc'
Continúan as representacións incluídas na Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA. A seguinte produción en saír a escena será Toc toc¸ unha comedia de Laurent Baffie, dirixida por Esteve Ferre e versionada por Julián Quintanilla, cun elenco de intérpretes conformado por Carmen Arévalo, Esteve Ferre, Laura Hernando, Sara Moros, Paco Obregón, Fran Sariego e Ana Trinidad. Faranse dúas funcións desta produción, a primeira o sábado 7 de decembro, a partir das 20.30 h, e a segundo o domingo 8 de decembro, ás 19.30 h, en ambos os dous casos no Teatro Afundación de Vigo.
As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen un abono de tempada, que supón un aforro do 20 % con respecto ao importe das entradas soltas.
TOC TOC
Logo de dez tempadas en cartel, chega a Vigo esta divertida comedia cun éxito que reside en converter a risa na terapia que precisamos para ver a vida doutro xeito. Seis personaxes coñécense na sala dun afamado psiquiatra. Todos sofren diferentes tipos de transtornos obsesivo-compulsivos, como a tendencia a dicir obscenidades (cropolalia), repetición sistemática de palabras ou frases (palilalia), necesidade patolóxica de contar obxectos (aritmomanía), medo extremo a enfermar (nosofobia)... Eses son algúns dos TOC que sofren os protagonistas da obra e, na procura da curo, foron todos dar a unha consulta dun psiquiatra, quen os convocou, mais que non aparece. Acabarán sendo eles mesmos quen saquen as súas propias conclusións.