Gabino Diego chega á Sede Afundación de Pontevedra á fronte de Pijama para seis, unha comedia sobre o amor e os celos
«Unha comedia de enredos, un auténtico metrónomo das risas». Así se refiren os produtores de Pijama para seis á obra teatral que Poderá verse no Auditorio da Sede de Afundación o venres 14 de novembro ás 20.30 h. Á fronte do elenco, Gabino Diego no papel de Fernando, o home casado que, no inicio da trama do espectáculo, convida o domicilio conxugal ao seu amante aproveitando unha ausencia da súa esposa. Comeza a partir de aí, para o público e os intérpretes, unha comedia desenfreada. «No vodevil hai que contar coa complicidade do público», comenta Gabino Diego sobre a obra. As entradas están ao dispor do público en Ataquilla.com.
O dramaturgo Marc Camoletti, referente na comedia europea das últimas décadas do pasado, asina o texto de Pijama para seis. Sobre o escenario, o actor Jesús Cisneros interpreta a Carlos, o amigo ao que o protagonista, Fernando, convida á casa familiar para ter unha coartada. Fernando coida cada detalle para esa noite na que a súa amante estará na casa. Mesmo contrata a unha cociñeira, Susana. Pero nada pasará como estaba previsto nunha situación na que case todo xirará arredor do amor, dos celos, ou da confianza, e cuxo elenco completan as actrices Isabel Gaudi, Amaia Vargas e Sabina Praga. Raquel Pérez dirixe Pijama para seis.
Tempada de Abonos
A obra é a segunda das tres programadas no outono durante a Tempada de Abonos de Teatro da Obra Social de ABANCA en Pontevedra. O 11 de decembro será a quenda da última das obras programadas: Camino a la Meca.
Protagonizada por Lola Herrera, Natalia Dicenta e Carlos Olalla, recupera a historia dos anos nos que a escultora surafricana Helen Martins, xa viúva, vive obsesionada con crear un xardín de esculturas orientadas cara á Meca mentres mantén difíciles relacións coa comunidade na que vive, en 1974 e en pleno apartheid.
Camino a la Meca ten como temas centrais o illamento, a loita interna, e o conflito entre conformarse coas expectativas da sociedade ou seguir os soños propios.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de Abonos de Teatro de Afundación en Pontevedra forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos espectáculos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin na Sede de Afundación. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa área de influencia.