
O drama A raíña de beleza de Leenane sobre a relación entre unha nai e a súa filla inaugura a Tempada de Abonos de Teatro
Unha relación moi tóxica entre unha nai e a súa filla. Ambas conviven na casa familiar dun outeiro no noroeste de Irlanda, a filla coma coidadora. A difícil situación entre ambas complícase aínda máis cando as visitan os irmáns Pato e Ray Dooley. A filla, Maureen, inicia unha relación cun deles. E todo empeora. É a trama de A raíña de beleza de Leenane, que abre a Tempada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra. A obra, protagonizada polas actrices María Galiana e Lucía Quintana, chega ao Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra o xoves 21 de febreiro. As persoas que non teñan abono pero queiran asistir poden facelo adquirindo algunha das últimas entradas dispoñibles en Ataquilla.com.
O espectáculo, con dirección de Juan Echanove, estreouse en Madrid en xuño do pasado ano. A proposta a partir do texto de MacConagh mereceu un amplo éxito de crítica e público. A raíña de beleza de Leenane é a obra que lle serviu ao dramaturgo e cineasta británico-irlandés Martin MacConagh (1970) para darse a coñecer no panorama británico da escena cando tiña 26 anos. Dende entón comezou unha carreira na que combina teatro e cinema.
Catro intérpretes
Canda María Galiana e Lucía Quintero forman parte do elenco os actores Javier Mora e Alberto Fraga. Interpretan aos irmáns Dooley. A súa chegada, por uns días, a Leenane, estará relacionada con feitos que levan a un desenlace violento dentro dunha relación materno-filial cun longo historial de problemas anteriores.
A Tempada de Abonos de Teatro de Afundación programa o venres 6 de xuño o espectáculo El Rey que fue, unha revisión humana e sen concesións da vida de Juan Carlos I e dos últimos 50 anos de España. Ramón Fontseré, co-director do espectáculo con Albert Boadella e quen deu vida a personaxes como Jordi Pujol ou Salvador Dalí en montaxes fundamentais no teatro español das últimas décadas, interpreta o papel do rei emérito.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes ás obras teatrais poderán colaborar depositando produtos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin na Sede de Afundación en Pontevedra. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión da Boa Vila e a súa área de influencia.