Jon Plazaola e Noemí Ruiz presentan Mandíbula afilada dentro da Tempada de Teatro de Afundación
Continúan as representacións incluídas na Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA. A seguinte produción en saír á escena será Mandíbula afilada, unha comedia de Carles Alberola protagonizada polo televisivo Jon Plazaola e Noemí Ruiz. Poderase ver mañá xoves 23 de maio, a partir das 20.30 h, no Teatro Afundación de Vigo.
As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen un abono de tempada, que supón un aforro do 20 % con respecto ao importe das entradas soltas.
MANDÍBULA AFILADA
Juan e Laura coñecéronse no instituto e agora, atrapados nunha eterna crise dos trinta, vólvense atopar durante unha noite na que se suceden os recordos e os soños, especialmente aqueles que non se cumpriron, mentres o espectador pasa da gargallada á reflexión: crecemos demasiado rápido ou non crecemos en absoluto? Somos nenos con roupa de adultos ou adultos que procuran desesperadamente volver ser nenos? Que espera a vida de nós?