
Afundación presenta a programación da súa Tempada de Teatro para Vigo e Pontevedra
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a súa Tempada de Teatro para o Teatro Afundación de Vigo e o Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra. Intérpretes como Lola Herrera, Loles León, Diana Navarro, María Adánez ou Els Joglars subiranse ao escenario entre os meses de outubro e decembro.
Para a tempada de Vigo, os abonos, que teñen un 20% de desconto con respecto ao prezo das entradas soltas, poñeranse á venda no despacho de billetes físico os días 18, 19 e 20 de xullo, e na web Ataquilla.com do 18 de xullo ao 15 de setembro. As entradas soltas poderanse adquirir a partir do 16 de setembro.
No caso de Pontevedra, a venda de abonos de forma física será os días 19, 20 e 21 de xullo, e na web Ataquilla.com do 19 de xullo ao 21 de setembro. A venda de entradas soltas será a partir do 21 de setembro.
OBRAS DA TEMPADA DE TEATRO AFUNDACIÓN
A produción Una noche con ella, protagonizada por Loles León, será a encargada de abrir a tempada no Teatro Afundación de Vigo o día 16 de outubro.
A seguinte obra en saír a escena será El sueño de la razón, o 20 de outubro en Vigo e o 21 en Pontevedra. O texto de Buero Vallejo estará interpretado por Ana Fernández, Chema León, Carlos Martínez-Abarca, Montse Peidro, Fernando Sansegundo e Antonio Valero.
A tempada continuará con En tierra extraña, unha viaxe musical pola vida de Federico García Lorca, Concha Piquer e Rafael de León da man de Diana Navarro, Avelino Piedad e Alejandro Vera dirixido por Juan Carlos Rubio. Poderase ver o 3 de novembro en Vigo e ao día seguinte en Pontevedra.
Els Joglars subiranse ao escenario o 16 de novembro en Pontevedra e o día 17 en Vigo para interpretar ¡Que salga Aristófanes!, «unha dramaturxia contemporánea que, combinando a música, a danza, a literatura e o visual, pon o foco na infantilización do mundo adulto».
¡Ay, Carmela!, de José Sanchís Sinisterra e interpretada por María Adánez e Pepón Nieto poderase ver o 30 de novembro en Vigo e o 1 decembro en Pontevedra. Unha obra na que a soidade, o medo e a inxustiza van da man da morriña, a complicidade, o amor e a memoria.
Finalmente, pechará a tempada a obra Adictos con Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich. Será o 8 de decembro no Teatro Afundación de Vigo e o día 9 de decembro no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra.