Cayetana Guillén Cuervo, María Luisa Merlo e Héctor Alterio, protagonistas na Tempada de Abonos de Afundación
Catro obras teatrais que convidan ao publico á reflexión arredor de temas coma a diversidade, a vida, a felicidade, o mal, a humanidade ou o amor, conforman o programa da Tempada de Abonos dedicada á arte dramática por Afundación, a Obra Social de ABANCA. Cayetana Guillén Cuervo, María Luis Merlo ou Héctor Alterio son algúns dos intérpretes que comparecerán ante o público de Vigo no Teatro Afundación. Todas as representacións serán en xoves, ás 20.30 h. Inaugurará a Tempada de Abonos o 26 de setembro Una pequeña historia, na que Héctor Alterio fai un percorrido pola súa traxectoria persoal e profesional. O 12 de decembro será a última das representacións con Cayetana Guillén Cuervo coma protagonista de Pandataria, un espectáculo de danza e teatro que volve sobre feitos reais acontecidos durante a dictadura de Mussolini en Italia nunha minúscula illa convertida en lugar de desterro e cativerio. En outubro e novembro están programadas La mujer sin nombre: Señora de Macbeth e máis a comedia Mentiras inteligentes. Os abonos que permiten asistir ás catro obras cun prezo bonificado estarán dispoñibles a partir deste mércores en Ataquilla.com.
En Una pequeña historia, Héctor Alterio transita desde os seus comezos en Bos Aires, ata que en 1974 chega a Madrid para presentar a película La Tregua e, para cando quere regresar a Arxentina, non pode facelo. Debe comezar un exilio en España que cambiou a súa vida para sempre.
O actor, de 94 anos, conta na obra os avatares da súa vida, e da súa carreira, acompañado polo pianista Juan Esteban Cuacci nun relato que constrúe tamén a partir da música de tango ou dos versos de literatos coma León Felipe, Borges, ou Cátulo Castillo. Dirixe a Alterio quen compartiu e comparte con Alterio a súa vida: a psicoanalista e dramaturga, e compañeira de vida do actor, Ángela Bacaicoa.
Volver a Shakespeare
En que avanzou a humanidade dende a época de William Shakespeare? Esa é a reflexión á que convidará ao público La mujer sin nombre: Señora de Macbeth o xoves 10 de outubro. Asina a adaptación libre da obra, e dirixe o espectáculo, construído a partir dos textos de Shakespeare, un dos grandes nomes da dirección de arte dramática en España: o tres veces Premio Nacional de Teatro e ex-director do Centro Dramático Nacional José Carlos Plaza. Olga Rodríguez e Israel Frías encárganse da interpretación nunha montaxe que trata de estudar a esencia da obra de Shakespeare a partir de tres personaxes: unha muller, un home e o Mal.
O primeiro xoves de novembro, o día 7, chega a comedia á Tempada de Abonos do Teatro Afundación de Vigo. María Luisa Merlo lidera o reparto de Mentiras Inteligentes, un espectáculo tan pensado para facer rir ao público como para convidalo á reflexión. A trama comeza cando a protagonista feminina, Alicia, descubre que o seu marido lle oculta algo. E para saber que está a pasar organiza unha cea na que tamén están o seu fillo e a súa nora. Completan o reparto Jesús Cisneros, Ana Escribano e Juan Jesús Valverde. María Luisa Merlo e Ana Escribano, ambas as protagonistas femininas desta montaxe, comparten nas súas historias vitais reais algo que ten que ver co que se conta na obra: as dúas estiveron casadas co falecido actor Carlos Larrañaga.
Pandataria, protagonizada por Cayetana Guillen Cuervo e cun elenco de 6 intérpretes, pecha a Tempada de Abonos do Teatro Afundación o xoves 12 de decembro. A obra conxuga as linguaxes da danza e o teatro para propoñer un berro ao amor polos demais, un canto á diversidade. Toma o seu título do antigo nome dunha minúscula illa italiana hoxe coñecida coma Ventotene: ten unha superficie de 1,54 metros cadrados e en diferentes momentos da historia foi lugar de desterro e cativerio. A obra interpretada por Guillén Cuervo recupera, dende a ficción, o momento no que, durante a ditadura de Mussolini, un grupo de prisioneiros redacta o Manifesto de Ventotene, unha proclama en defensa dunha Europa libre e unida considerada precursora da idea do federalismo europeo.
A Tempada de Abonos de Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por Alimentos». Os asistentes aos espectáculos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores habilitados para tal fin no teatro. As doazóns serán repartidas entre persoas e familias vulnerables de Vigo e a súa área de influencia. «Cultura por Alimentos» é un programa desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.