Novo concerto dentro da Tempada de Música Clásica de Afundación a cargo da Orquesta Sinfónica de Galicia
A Orquesta Sinfónica de Galicia ofrecerá un novo concerto incluído na Tempada de Música Clásica de Afundación, a Obra Social de ABANCA, no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). O recital, organizado en colaboración coa Sociedade Filarmónica de Vigo, será mañá xoves 12 de abril, ás 20.30 h.
A agrupación estará dirixida por Dima Slobodeniouk e contará coa violinista Alexandra Soumm. Interpretarán obras de J. S. Bach como Concerto para violín n.º 1, en la menor, BWV 1041; Concerto para violín n.º 2, en mi maior, BWV 1042; e Concerto para violín en sol menor, BMV 1056R; e a Sinfonía n.º 36, en do maior, K 425, «Linz», de W. A. Mozart.
As entradas están á venda na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que implica unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.
Este concerto inclúese na iniciativa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica» que permitirá acudir de forma gratuíta a estudantes de ESO e bacharelato. Aqueles centros educativos interesados deberán, desde 10 días antes de cada concerto, solicitar os bonos a través deste formulario. Máis información no teléfono 986 120 078 ou no enderezo electrónico quedamosnopalco@afundacion.org.
A ORQUESTA SINFÓNICA DE GALICIA
Creada en 1992 polo Concello da Coruña, e con sede no seu Palacio de la Ópera, a Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España. A formación foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación, no 1998. Ademais, realizou varias xiras por Alemaña e Austria e ofreceu concertos nas mellores salas de concertos españolas.