Afundación inicia a súa programación escénica para escolares cunha obra sobre o acoso virtual e as relacións tóxicas
O Teatro Afundación de Vigo acolleu esta mañá a representación de Golfa, unha obra de teatro que aborda o acoso virtual e as relacións tóxicas entre os mozos, coa que se inaugura a programación escénica para escolares da Obra Social de ABANCA que reservaron xa para o curso escolar máis de 62000 escolares de 422 centros educativos de toda Galicia.
A obra é un proxecto transmedia que convida o público a que participe da historia, utilizando ferramentas que se deseñaron especificamente para obter unha experiencia moito máis enriquecedora, ao vincular ao espectador dunha forma activa coa trama. Tras cada representación, iníciase un encontro, moderado pola traballadora social e sexóloga especializada en xénero, Bárbara Penas, no que os espectadores poden debater coas actrices e actores os contidos que se tratan na obra. Golfa aborda algúns dos temas que máis preocupan á mocidade, colocando no centro do escenario unha situación de acoso derivado dunha relación tóxica, co obxectivo de xerar debate, reflexión e unha aprendizaxe en valores. Nas sesións de hoxe, que se representaron tamén en linguaxe de signos, participaron máis de 600 escolares de 11 centros educativos da área de Vigo.
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, promovendo unha educación en valores e competencias transversais que potencia o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais.
As imaxes da representación de hoxe están dispoñibles nesta ligazón
AS PROPOSTAS
Para os escolares de educación infantil programouse o espectáculo de marionetas Pingüin, de Periferia Teatro e premio ao mellor espectáculo no World Art Festival of Puppets de Praga, que aborda as inquietudes ás que se enfronta un neno ante a chegada do seu novo irmán.
A música é a protagonista da proposta de Odaiko Percussión Group Vaia ritmo!, dirixida a primeiro e segundo de primaria, na que se conxugan a improvisación, a imaxinación e a interacción para espertar o enxeño dos espectadores.
Hugo, de Naúfragos Teatro, gañadora do premio María Casares ao mellor espectáculo para público infantil e familiar en 2022, aborda o trastorno do espectro autista na infancia desde a empatía e a sensibilidade, falando de diversidade, de convivencia e da beleza de ser diferentes.
O acoso escolar que se trata na obra inaugural da programación para o curso 2023-2024, Golfa, centra tamén a proposta de Varela producións e Cía de Blanca Marsillach, Belcebú, que se achega a toda a problemática que rodea ao bullying e ao ciberacoso desde a perspectiva dos seus dous protagonistas, a vítima e o acosador.
Así mesmo, a programación elaborada pola área Educativa da Obra Social de ABANCA tamén inclúe dúas representacións en inglés da compañía de Face2face Company: Help! (trouble in the jungle), para 5º e 6º de primaria, unha comedia interactiva que, ademais de reforzar o coñecemento do idioma, convida os estudantes a reflexionar sobre a conservación e o coidado do medioambiente e I Spy, unha proposta tamén participativa e dirixida a estudantes de ESO.