
Afundación celebra o Nadal na súa sede de Vigo cun programa de actividades para todos os públicos
Afundación organizou un programa de actividades de temática de Nadal para todas as idades na cidade de Vigo, que se desenvolverán tanto na sede da entidade (Policarpo Sanz, 24-26) como no Centro Interactivo de Educación Ambiental Naturnova (Velázquez Moreno, 18) durante os meses de decembro e xaneiro.
Para nenas e nenos de entre 4 e 8 anos deseñouse o obradoiro Un cotillón do Nadal baseado na mostra «Percorrendo a nosa arte», formada por obras da Colección de Arte Afundación. Celebrarase os días 26 e 29 de decembro e 2 e 3 de xaneiro en horario de 11.30 a 13.00 h.
Tamén se organizou a actividade «Colección de youtubers», un obradoiro de creación audiovisual para a plataforma Youtube tomando como tema a Colección de Arte Afundación. Os asistentes aprenderán a dominar un programa de edición, a transformar ideas en guións e a traballar en equipos de rodaxe. O resultado final subirase á canle Afundación TV.
Está deseñado para mozos de entre 12 e 16 anos e celebraranse dúas quendas, a primeira os días 27, 28 e 29 de decembro e a segunda os días 2, 3 e 4 de xaneiro, en horario de 17.00 a 19.00 h. As inscricións para esta actividade pódense formalizar na web Ataquilla.com.
Para os nenos e nenas de entre 8 e 14 anos organizouse o curso de cocina «Pequechefs de Nadal» para o que xa se cubriron todas as prazas. María Rivas ensinará aos asistentes a cociñar pratos de inspiración de Nadal os días 26, 27, 28 e 29 de decembro, de 11.00 a 13.00 h na sede viguesa da entidade.
Ademais, durante todos os sábados do mes de decembro as familias teñen unha cita coa Colección de Arte Afundación. Nenas, nenos e adultos poderán participar na visita – obradoiro «O xardín botánico da colección» en deberán axudar á mascota de Afundación, Pintafontes, a atopar un invitado perdido pola colección. Sen este invitado, non se poderá pintar no obradoiro posterior o cadro que espera por eles. Pódense reservar as prazas para participar no teléfono 986 129 032 ou en areaeducativa@afundacion.org.
Finalmente, o Centro Interactivo de Educación Ambiental Naturnova ofrecerá a súa programación de Nadal do 23 de decembro ata o 7 de xaneiro, de martes a sábado, en horario de 17.30 a 20.30 h, excepto festivos e vésperas de festivos. Os visitantes gozarán dos 37 módulos interactivos dos que dispón e poderán participar no reto do Nadal proposto por Pintafontes. Todos os que consigan resolvelo conseguirán un pequeno recordo da súa visita. Ademais, poderán decorar as árbores de Nadal do centro con ecomensaxes.