Special Olympics Galicia presenta con Afundación o seu programa de vacacións para persoas con discapacidade intelectual
Special Olympics Galicia presentou esta mañá en Pontevedra o seu programa de vacacións para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o director xerente de Afundación, Pedro Otero; el director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Jacobo Rey Sastre; e a representante de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, Carmela González.
As imaxes da presentación están dispoñibles aquí.
Este programa, que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto e co que tamén colabora a Deputación de Pontevedra, ofrece ás persoas con discapacidade intelectual unha ampla oferta de actividades co obxectivo de propiciar a súa inclusión e dar visibilidade a este colectivo, así como garantir que gocen das súas vacacións estivais nas mesmas condicións que o resto da sociedade. Participarán 331 persoas, pertencentes a 16 entidades de toda Galicia, que gozarán das súas vacacións na Residencia Universitaria Afundación de Pontevedra e da edición especial do programa «Música a flor de pel» que levará a estes campamentos unha proposta na que se combinan melodías, emoción e sensibilidade.
Con estas estancias Special Olympics Galicia pretende cumprir a súa misión, en palabras do seu presidente, Eladio Fernández, «contribuíndo a que todo o mundo teña dereito ao tempo libre e ao lecer, sexan cales sexan as súas necesidades, como moi ben soubo ver Afundación. E seguimos mantendo a ilusión, visibilizando a discapacidade, e a capacidade, na sociedade e nas institucións, e sabendo que temos aínda moitos retos por diante».
Pola súa banda, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, destacou tamén o papel desenvolvido por Special Olympics «como unha entidade con accións sempre relevantes e visibles que contribúe a integrar e normalizar, a reivindicar a independencia e a posibilidade de tomar decisións dentro das diversas capacidades de cada persoa. Iniciativas que apoiamos desde Afundación para favorecer o camiño cara a unha sociedade máis igualitaria e concienciada da importancia da diversidade».
SPECIAL OLYMPICS GALICIA
Special Olympics Galicia é a Asociación de Pais, Profesionais e Familias a favor da promoción do tempo libre e o deporte para persoas con discapacidade intelectual. A súa misión é proporcionar todo tipo de actividades de lecer, deporte, cultura e de dinamización do voluntariado, co fin de mellorar as condicións físicas e psíquicas das persoas con discapacidade intelectual.
O seu obxectivo é promover a inclusión social de persoas con discapacidade intelectual mediante a cultura, a práctica deportiva e o lecer dando a oportunidade a todas as persoas participantes a gozar das súas vacacións en igualdade de condicións ao resto de cidadáns.