
Rubén Ventureira falará na Sede Afundación A Coruña sobre o primeiro, e esquecido, título do Dépor
A Sede Afundación A Coruña acollerá o vindeiro venres 8 de setembro ás 19.00 h a conferencia de Rubén Ventureira titulada La Copa de 1912: así se gestó el primer título del Dépor.
As imaxes da copa, exposta en «A Coruña no tempo», están aquí.
O 8 de setembro de 1912, hai 111 anos, o Deportivo gañou a Copa España, o primeiro título nacional dos sete que ten no seu palmarés. Porén, este logro foi esquecido ata que unha investigación realizada por Rubén Ventureira no libro De la Sala Calvet al título olvidado. Albores del RC Deportivo 1901-1912 o reivindicou. Baseando o seu argumentario nesta publicación, o Deportivo reclamou á Real Federación Española de Fútbol a oficialización deste título, petición que fue aceptada en marzo do presente ano.
Na súa conferencia, Ventureira contará, servíndose de numerosas fotografías, as convulsas orixes do Dépor e, por suposto, os detalles da investigación que permitiron recuperar ese título para o palmarés do club coruñés. Ademais, na mostra que nestes momentos se expón na Sede Afundación A Coruña poderase ver o trofeo ao que se refire a conferencia, así como outros obxectos vinculados á historia do club de fútbol da cidade herculina. «A Coruña no tempo» pódese visitar ata o próximo 16 de setembro.
Rubén Ventureira (A Coruña, 1971). Xornalista, escritor, xestor cultural e comisario de exposicións é autor, entre outras publicacións de Fran. O neno 10 (xunto a Álex Centeno), Calendario histórico del Deportivo del RC Deportivo 2016, Calendario histórico del Deportivo del RC Deportivo 2017 e De la Sala Calvet al título olvidado. Albores del RC Deportivo 1901-1912. Ademais, xunto a Antón Castro, foi comisario da grande exposición sobre o fútbol galego «Valor e mestría. Galicia como fútbol», realizada en 2019 na Cidade da Cultura.
Socio 692 do Real Club Deportivo de La Coruña, recibiu a medalla de ouro e brillantes do club coruñés, máxima distinción da entidade, pola investigación que permitiu recuperar o título esquecido.