
Rafael Guerrero abordará en Afundación a neurobioloxía do estrés no cerebro adolescente e infantil
O próximo 30 de marzo ás 11.30 h, para escolares, e ás 18.30 h para familias e profesorado, a Sede Afundación Vigo acollerá dúas conferencias do experto en psicoloxía Rafael Guerrero. A primeira, titulada «A miña tormenta cerebral na adolescencia», está dirixida a público en idade escolar que asistirá ou ben de maneira presencial no Auditorio da Sede Afundación Vigo, ou ben a través da plataforma de Afundación TV. A inscrición para a modalidade dixital pódese formalizar aquí, xa que a capacidade da sala está completa.
A conferencia da tarde está destinada ás familias e profesorado e leva por título «Os efectos do estrés sobre o cerebro na infancia», cuxa capacidade xa se completou.
Esta actividade enmárcase na campaña «Cultura por alimentos», promovida por Afundación en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Así, o acceso será a cambio da doazón de alimentos non perecedoiros, que se depositarán nos contedores habilitados para o efecto na sede.
O ciclo de conferencias Educación Século XXI é xa un marco de referencia de encontro para todas as persoas integrantes da comunidade educativa. Neste sentido, ademais de contar con numerosos relatores de prestixio que abordan cuestións innovadoras no ámbito pedagóxico, Afundación quere poñer o foco tamén sobre a importancia dunha educación na que os valores éticos sexan a pedra angular. Para iso, a entidade considera que un dos temas prioritarios é a difusión e a concienciación sobre a necesidade de fomentar o respecto desde a infancia e mocidade, poñendo en valor a importancia da saúde emocional para este proceso de convivencia.