Afundación e The Hispanic Society of America presentan a quinta edición de Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda An
Ante a elevada demanda do público, o libro publicado por Afundación e The Hispanic Society of America, Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia, está xa dispoñible na súa quinta edición en todos os puntos de venda habilitados nas sedes de Afundación e tamén na súa páxina web, na tenda online, o que co converte no volume máis vendido da historia de Afundación. As imaxes de Anderson proceden dos fondos da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español e que foi distinguida no ano 2017 co Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional. As fotografías pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington e de cuxo inicio se cumpre, en 2024, o seu centésimo aniversario.
Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia
Como sinala Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, «desde a publicación de Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia en 2009, foron moitas as persoas e institucións, dentro e fóra da comunidade, interesadas nesta obra, que esgotou tres tiraxes de imprenta sucesivas. Malia o tempo transcorrido, a demanda do público mantívose constante, por iso, para satisfacela, emprendemos esta nova edición en colaboración con The Hispanic Society of America».
Articulado polas versións textuais en tres idiomas —castelán, galego e inglés— e cun corpo fotográfico composto por máis de catrocentas cincuenta imaxes de Galicia entre os anos 1924 e 1926, este libro constitúe un testemuño dun tempo xa desaparecido. Os traxes, os oficios, as xentes ou os costumes integran as seccións en que se clasifican as fotografías de Ruth Matilda Anderson, sempre consonte as indicacións de Archer Milton Huntington. Neste sentido, Anderson foi a pioneira nas expedicións que encargaría o fundador da Hispanic Society ás súas investigadoras e o seu traballo acabou asentado os principios metodolóxicos que rexerían o labor de campo da institución. Ruth Matilda Anderson aplicouse para satisfacer as indicacións de Huntington de que «as empregadas coñecerán traballos e refráns e os animais cos que viven en estreita relación cos homes, desde a mula ata a chinche. Deberán perseguir unha palabra e os seus significados máis esvaradíos do mesmo xeito que un inglés segue o rastro dun raposo; bloqueando todas as tobeiras de fuxida ata se facer co trofeo. Logo deben escribir sobre a súa España». E iso mesmo fixo Ruth Matilda Anderson.
O libro recolle, ademais das imaxes das súas dúas expedicións a Galicia nos anos vinte —a primeira, acompañada do seu pai entre 1924 e 1925, e a segunda, coa súa compañeira investigadora na Hispanic Society, Frances Spalding, entre 1925 e 1926—, un completo corpus textual integrado polas anotacións da propia Ruth Matilda Anderson, describindo tanto os lugares ou as xentes, como todos os retos ou complicacións que se atopaba no seu traballo diario. Así, para un gran número de imaxes, ofrécese unha recensión do momento ou das peculiaridades en que foron tomadas. Desde complexidades técnicas vinculadas coa fotografía ata loxísticas, derivadas do atraso nos transportes en Galicia, foron anotadas con esmerado detalle por Anderson. Tamén se inclúe un texto que ela concibira como un bosquexo para o libro que iría publicar sobre Galicia. Finalmente, recóllese un capítulo dedicado ás cartas, diarios e anotacións que o seu pai, Alfred Theodore Anderson, escribiu durante o seu ano en Galicia. Constitúen un aproximación diferente tanto ao traballo como á implicación da súa filla na tarefa. O alto nivel de autoesixencia de Ruth Matilda foi, en ocasións, motivo de preocupación para o seu pai, e así llo trasladaba á nai, en Estados Unidos, nas misivas que lle remitía.
Todos estes testemuños, que se presentan tanto na súa versión orixinal en inglés, como en traducións en galego e castelán, son un relato de primeira man da realidade, especialmente a rural, da Galicia dos anos vinte.