«Quedamos no palco, quedamos coa clásica» no recital da Real Filharmonía de Galicia no Teatro Afundación
Afundación, a Obra Social de ABANCA, comeza unha nova tempada do seu programa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», mediante o cal, co obxectivo de achegar a música clásica aos máis novos, estudantes de ESO e bacharelato poden acceder aos concertos tan só a cambio da entrega de produtos non perecedoiros. Os recitais celebraranse no Teatro Afundación Vigo, enmarcados na Tempada de Música Clásica en Vigo, organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica da cidade.
Ademais, e en consonancia coa difusión da cultura que caracteriza a Afundación, as persoas menores de 35 anos poderán comprar a súa entrada media hora antes do recital e no despacho de billetes do teatro a 5 euros.
Este evento enmárcase así mesmo no programa «Cultura por alimentos» dinamizado por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita a todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital coa súa entrada e unha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.
Neste concerto da tempada de música clásica do Teatro Afundación Vigo e enmarcada en «Cultura por alimentos», a Real Filharmonía de Galicia (RFG) estará dirixida por Rita Castro Blanco (Portugal, 1993). A directora é, para os medios de comunicación especializados do seu país, a promesa emerxente da dirección orquestral en Portugal. As entradas para o concerto, o segundo dos que son parte da tempada de clásica de Afundación en Vigo na primeiro semestre de 2024, xa están dispoñibles en Ataquilla.com.
As imaxes están dispoñibles aquí.
A RFG propón para o 26 de xaneiro un repertorio composto por obras de Mozart, e dos compositores contemporáneos Arthur Honneger e Bohuslav Martinů.
As dúas obras do gran compositor austríaco Wolfgang Amadeus Mozart servirán para abrir e pechar o concerto. Na apertura, KV92 de As vodas de Fígaro, e no peche, a Sinfonía núm. 38 Praga, K. 504.
Completan o programa a Pastorale d'été (Summer pastorale), H31 de Arthur Honneger (Suiza, 1982-1955) e mais a Toccata e Due Canzoni, H 311 do compositor checo Bohuslav Martinů (1890-1959).
O público da tempada de clásica de Afundación terá a súa seguinte cita o 23 de febreiro. A Real Filharmonía de Galicia volverá ao Teatro da Obra Social de ABANCA acompañada pola pianista Judith Jáuregui.